25-N

Poio tínguese de negro na loita pola erradicación da violencia machista

Máis de 190 establecementos lucirán os carteis reivindicativos da campaña do 25-N
A presentación da programación celebrouse este venres no salón de Plenos do Concello de Poio. D. FREIRE
photo_camera A presentación da programación celebrouse este venres no salón de Plenos do Concello de Poio. D. FREIRE

A mellor fórmula de loitar contra a lacra da violencia machista é a transversal. Este é o espírito co que o Concello de Poio impulsa, por cuarto ano consecutivo, a campaña '#PoioEnNegro', sumándose así a máis dun cento de vilas de galegas que tamén se involucran ao longo deste mes na organización de eventos e iniciativas en favor da igualdade, co gallo da celebración do 25 de novembro.

Actividades deportivas, charlas, obradoiros e o reparto de material para dar visibilidade a esta mensaxe son algunhas das ferramentas das que se valerá o Goberno local, en colaboración con asociacións, clubes, negocios e establecementos das parroquias poienses, para lograr que a campaña volva a ser un éxito.

Os detalles da programación foron presentados este venres pola concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, acompañada pola directora do Centro de Información á Muller, Raquel Morales, e a psicóloga Lidia Fazanes, así como a tenente de alcalde, Chelo Besada. A edil de Avante destacou o carácter transversal desta campaña, en cuxo deseño participan, ademais do seu departamento, os de Seguridade Cidadá, Deportes, Cultura ou Educación, entre outros. Ademais, Díaz salientou a implicación da cidadanía e do tecido comercial, empresarial, social e hostaleiro da vila á hora de axudar a declarar ao concello como un espazo libre de violencias machistas.

O número de participantes medra respecto á campaña do pasado ano

E é que son xa 193 os establecementos e locais que lucirán os carteis reinvidicativos desta campaña, con eslóganes en clave de igualdade, entre o 18 e o 25 de novembro. O número de participantes é sensiblemente superior ao da convocatoria de 2018. Ademais de carteis, tamén se repartirán centos de camisetas, chapas ou mandís. A responsable de Igualdade lembrou que os veciños que o desexen tamén poderán colgar das súas fiestras carteis ou panos negros durante a vindeira semana.

A través desta liña de actuación, o Concello quere deixar claro que os seus cidadáns rexeitan de xeito unánime a violencia de xénero. "Os agresores machistas non teñen cabida nesta vila", advertiu Silvia Díaz, que insistiu na importancia de erradicar "calquera tipo de discriminación sobre a muller".

Para iso, a campañana tamén se vai levar a cabo a través das redes sociais. Con respecto ás actividades a desenvolver, un dos puntos neurálxicos do programa será o IES de Poio, no que se desenvolverán obradoiros sobre prevención e pautas de actuación ante actitudes machistas, destinados a alumnos de 4º de ESO, e unha charla sobre agresións sexuais. Ademais, a Corporación municipal confeccionará unha moción unánime rexeitando os comportamentos machistas.

Comentarios