Poio tramita a contratación de seis socorristas para o verán

A concellería de Persoal axiliza ao máximo os prazos para que o servizo estea operativo na última semana do mes de xuño
Bañistas na praia de Cabeceira. DAVID FREIRE (ADP)
photo_camera Bañistas na praia de Cabeceira. DAVID FREIRE (ADP)

O Concello de Poio continúa avanzando no proceso de contratación dos seis socorristas que prestarán servizo durante a temporada estival nas praias de Cabeceira, en Lourido, e Xiorto, na parroquia de Raxó. A Administración municipal vén de publicar o listado provisional de persoas admitidas para a pertinente de contratación. O documento pódese consultar na páxina web municipal (www.concellopoio.gal). Ademais, ábrese un prazo de dous días hábiles para a presentación de posibles enmendas e reclamacións.

Posteriormente, levarase a cabo a publicación definitiva e a designación dos membros do tribunal cualificador. A contratación temporal, por tres meses, lévase a cabo mediante o sistema de concurso, por quenda libre. Incorporaranse a seis persoas desempregadas, que estean inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles. Cómpre lembrar que a fase do concurso consistirá na valoración dos méritos alegados polos aspirantes, téndose en conta baremos como unha formación académica superior á esixida para o posto convocado.

O concelleiro de Persoal, Xosé Luís Martínez, explica que o departamento está tratando de apurar ao máximo posible os prazos para completar o proceso de contratación, de xeito que os profesionais poidan empezar a prestar o servizo no último tramo do presente mes de xuño. Xiorto e Cabeceira contarán con socorristas ata setembro, unha vez finalice a tempada estival. Por outra banda, os operarios municipais levan xa varias semanas traballando na limpeza e posta a punto dos areais.

Comentarios