Poio ultima un aparcadoiro na Rúa Pedaporta de Combarro

Segundo o alcalde, Ángel Moldes, xa están en negociación con outros propietarios para seguir dotando o municipio doutros aparcamentos disuasorios

Entrada do aparcadoiro. DP
photo_camera Entrada do aparcadoiro. DP

O Concello de Poio habilitará un novo aparcamento disuasorio en Combarro, na rúa Pedaporta, "nunha parcela estratéxica" que permitirá mellorar o estacionamento de residentes no lugar e dos usuarios do centro de saúde. Na Xunta de Goberno deste martes aprobarase o alugueiro da finca, que ten capacidade para preto de 50 coches.

O alcalde, Ángel Moldes, e o concelleiro de Combarro, Cándido Muíños, visitaron a parcela, para coordinar a posta a punto que se executará con operarios municipais. Sinalan que este estacionamento ofrecerá un servizo fundamental, xa que a parcela está situada ao carón dun núcleo urbano, onde hai multitude de vivendas unifamiliares, edificios en altura, establecementos comerciais e o Centro de Saúde de Combarro, polo que é necesario dotar á zona do máximo estacionamento posible.

Segundo explican, xa están en negociación con outros propietarios para seguir dotando a Combarro doutros aparcamentos disuasorios cos que seguir ofrecendo solucións ao problema de estacionamento. Nesta liña, Moldes recorda que "o Goberno está dando pasos importantes para cumprir un dos puntais do noso programa, a dotación de estacionamento, algo fundamental para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e favorecer a actividade económica no noso concello".

Nesta liña, recorda que nuns meses o Concello de Poio xa puxo a disposición dos veciños de Poio outras tres parcelas de estacionamento, en Anafáns, na rúa do Adro e na antiga finca de Coca-Cola, e xa se chegou a un acordo histórico coas confrarías para abrir o aparcamento do Porto de Combarro. Con todo, insistiu en que continúan traballando para seguir ofrecendo mellores servizos para a veciñanza.

Comentarios