Poio ultima o desfile do Entroido, que partirá o domingo de Campelo

► O Concello conta con grupos inscritos que traerán a máis de 50 membros ► Participantes de individual e parellas poden anotarse no día
A responsable de Cultura. G.GARCÍA
photo_camera A responsable de Cultura. G.GARCÍA

Unha vez pechado o primeiro período de inscricións, a Concellería de Cultura de Poio lembra que as persoas interesada en participar nas categorías de individual e parellas do concurso do Desfile de Entroido poderán anotarse no propio lugar antes do inicio do evento, que partirá ás 17.00 horas do domingo da Praza da Granxa de Campelo, ata chegar á explanada da Seca.

As anotacións poderanse realizar de xeito presencial entre as 15.30 e as 16.00 horas. Cómpre lembrar que haberá categoría adulta (para maiores de 15 anos) e infantil (ata 14 anos). As subcategorías serán as de individual e parella, así como a de grupos, sen esquecer os premios especiais para choqueiros e animación. Tal e como apuntan desde o Concello, varios grupos aproveitaron o prazo establecido para inscribirse neste concurso, que repartirá máis de 6.500 euros en premios. Haberá participantes do propio municipio e tamén chegados de outros concellos. "Nalgúns casos están compostos por 50 persoas", indica a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez.

O reparto dos máis de 6.500 euros en premios será para os disfraces mellor valorados polo xurado, que estará composto polos integrantes da Comisión de Cultura, e presidido pola propia Raquel Rodríguez. No caso dos grupos de adultos haberá galardóns para os oito mellores, desde 800 a 100 euros. Para parellas, o reparto será de 210,160 e 120 euros, respectivamente, mentres que na subcategoría individual os premios ascenden a 170, 120 e 75 para os tres mellores valorados. Os disfraces individuais das crianzas contarán con a 120, 105 e 70 euros, mentres que no caso das parellas o reparto queda en 160, 120 e 75 euros.

Pola súa banda, ostres mellores grupos levarán 250, 205 e 160 euros, respectivamente. Por último, no caso das categorías especiais de Choqueiro e Animación, serán 200 euros para os primeiros clasificados, 155 para os segundos e 110 para os terceiros.

Obradoiros, concursos e festas infantís completan a programación, na que tamén serán protagonistas os enterros do Mexillón de Combarro (24 de febreiro), do Berberecho de Lourido (26 de febreiro), do Galo Fodorico (4 de marzo) e do Galo Bruxo de Samieira (18 de marzo).

Comentarios