O Concello de Poio contará próximamente con dous novos espazos que servirán como aparcadoiros disuasorios e que poderán dar cabida a uns 400 automóbiles. Trátase de dúas parcelas situadas nas parroquias de San Salvador e de Samieira. O Goberno municipal estima que, salvo imprevisto, os aparcamentos se poderán empezar a utilizar antes da chegada do verán, xa que as tarefas de posta a punto en ambas zonas están a piques de rematar.
No caso de San Salvador, o novo aparcadoiro emprázase nunha parcela situada entre o Camiño das Bocas e a Rúa Palestina. Trátase dun terreo de titularidade privada, cedido polo seu propietario. Nas últimas semanas, procedeuse á posta a punto da área, nivelando o terreo e establecendo un peche para delimitalo. Tamén está prevista a dotación de luminarias. O Goberno local estima que este aparcadoiro pode dar cabida a preto de 300 vehículos. Os dirixentes poienses consideran que o seu emprazamento é «ideal», xa que se atopa moi próximo ao núcleo de Andurique e A Barca, así como ao Instituto de Neuro-rehabilitación Quirónsalud ou á Galiña Azul.
Con respecto ás prazas de estacionamento habilitadas na parroquia de Samieira, estas emprázanse nas proximidades da igrexa parroquial. Nesta área poden ter cabida un cento de automóbiles aproximadamente.
O equipo de Goberno segue dando pasos para dar cumprimento a unha actuación que é "prioritaria" para dar resposta á demanda de zonas de estacionamento no municipio. Ademais de poñer a punto estas parcelas, tamén seguen as negociacións para conseguir novos espazos en lugares como Combarro ou Campelo. Cómpre lembrar tamén que o Concello contempla destinar 70.000 euros á compra dunha parcela situada nas proximidades do Centro de Saúde de Anafáns.