Poio urxe a sinalizar e reducir o tráfico tras o atropelo na Avenida da Barca

A Barca e Combarro son os maiores "puntos negros" de sinestralidade no municipio ►Marga Caldas pediu medidas á Xunta, como titular da vía PO-308
O home atropelado na Barca, ferido de gravidade, foi trasladado ao hospital. GONZALO GARCÍA
photo_camera O home atropelado, ferido de gravidade, foi trasladado ao hospital. GONZALO GARCÍA

Despois de que a Avenida da Barca fose o esceario dun novo atropelo que tivo lugar na tarde deste domingo, e no que resultou ferido de gravidade un veciño do municipio de 79 anos, a titular de Seguridade Cidadá do Concello de Poio, Marga Caldas, urxiu á adopción de medidas por parte da Xunta de Galicia, como titular da vía PO-308, e demandou, á maior brevidade, a sinalización dos pasos de peóns e unha redución do tráfico na estrada.

Segundo Caldas, dende o Goberno local "somos conscientes de que a maior medida que pode tomar o Goberno da Xunta é humanizar toda esta zona, pero mentres isto non se faga sería moi importante tomar medidas redutoras do tráfico, e sinalizar con iluminación todos os pasos de peóns. Niso vaise incidir novamente por parte do informe da Policía Local, algo que, ademais, xa fixemos en anos anteriores cos accidentes que ocorreron sobre todo nesas zonas", manifestou a edil nacionalista.

Neste sentido, a Policía Local de Poio remitira con anterioridade un informe de valoración da sinestralidade durante o pasado ano 2021, e que "coincide cos anos anteriores en que en Poio concéntranse dous puntos negros, a Avenida da Barca, e outro en Combarro. Ambos pertencen á PO-308", explicou Caldas, incidindo en que en ambas zonas "congréganse o maior número de sinistros".

Deste xeito, a edil do Goberno local aseguróu que continuará a demandar "medidas urxentes" ao Goberno autonómico "para mellorar a seguridade viaria nestas zonas".

Concretamente, no paso de peóns ubicado na Avenida da Barca concéntranse gran número de accidentes e atropelos. No caso destes últimos, o pasado mes de setembro unha muller tivo que ser trasladada ao hospital ao ser arroiada por un vehículo mentres cruzaba o paso de peóns.

No caso do atropelo ocorrido durante a tarde do domingo, a Policía Local de Poio continúa investigando as causas do suceso.

ATROPELOS EN 2021. A Policía Local de Poio cifrou un total de seis atropelos a peóns en 2021, con dous deles graves, polos que se instruíron dilixencias xudiciais. Ambos atropelos de gravidade tiveron lugar, precisamente, na Avenida da Barca e a Avenida da Cruz (PO-308), relacionados co estado da vía, segundo o corpo de seguridade.

A maiores, a Policía Local cifrou un total de 199 accidentes con danos durante o pasado 2021 no municipio, nos que a PO-308 estivo á cabeza das vías que rexistraron a maior sinistralidade.

Comentarios