Poio vivirá o Entroido máis choqueiro con Xosé Esperante como mestre de cerimonias

O Concello comprime en nove citas as festas do Carnaval e daralle saída o día 1 cunha festa en Campelo

Pepe, un dos choqueiros máis vellos de Poio, Xosé Esperante e o resto dos colectivos presentando o Entroido. DAVID FREIRE
photo_camera Pepe, un dos choqueiros máis vellos de Poio, Xosé Esperante e o resto dos colectivos presentando o Entroido. DAVID FREIRE

"A choqueirada anda solta" será o lema do Entroido de Poio neste ano, no que algunhas das súas tradicións máis senlleiras, como o Enterro do Galo Fodorico, cumprirán tres décadas de vida.

Esta onomástica e o desexo do Concello de responder ás suxestións dos veciños e asociacións modificando detalles dos eventos deron como resultado a programación presentada este xoves: un calendario que comprime as citas na súa maior parte nas dúas primeiras semanas de marzo, que se iniciará coa festa de estrea o día 1 na Granxa (Campelo) e que terá como colofón o Enterro de Fodorico o día 16 en San Xoán e o do Galo Bruxo ao día seguinte en Samieira. O encontro de todas as comparsas e grupos participantes será o 24 de marzo en Campelo.

O actor da serie Fariña, de montaxes de Baobab e do grupo Ibuprofeno Teatro, Xosé Esperante, será o maestro de cerimonias da Festa do día 1 de marzo e tamén o animador para facer deste Entroido o máis choqueiro. Esperante participará en actividades de presentación nos centros de Infantil e Primaria de todo o concello nas que animará aos nenos e nenas a interesarse polo Entroido tradicional.

Haberá datas para todas as propostas e propostas para todas as datas, dentro dunha programación que terá nove paradas principais

"Queremos que os cativos e as cativas se impliquen no Entroido, que pregunten que era iso e que animen a seus pais, nais e avós a participar tamén disfrazados", apuntou este xoves na presentación, lembrando que "para ser choqueiro non fai falla gastar cartos, xa que se trata dun disfrace que se fai co que hai na casa, revolvendo nos armarios e, desde logo, empregando a imaxinación".

Esperante explicou os detalles desta xira, pensada para "reconectar a cidadanía coas súas festas".

Esperante non foi o único en participar na presentación das festas, este xoves no Concello, onde se atopaban varios representantes de todos os colectivos que participarán nos distintos eventos. Lidia Salgueiro, a concelleira de área, destacou que este ano "puidemos contar con novos colectivos" para a programación.

A concelleira explicou que haberá datas para todas as propostas e propostas para todas as datas, dentro dunha programación que terá nove paradas principais "e na que esperamos que todos atopen a súa para "choqueirizarse" e participar". A programación traerá novidades para todas as parroquias, como os espazos gastro, onde se poderán degustar filloas e orellas, só polo feito de acudir aos eventos cun disfrace.

Comentarios