Poio volve reunir a súa Mesa e mira con lupa a situación da Atención Primaria

A entidade defensora dos "dereitos sanitarios" mantén a alerta de risco de "colapso" dos centros de saúde do municipio, ante a "saturación do personal" polo elevado ratio de pacientes por médico
O  sindicato médico O'Mega ten denunciado a sobrecarga dunha médica en Anafáns. GONZALO GARCÍA
photo_camera O sindicato médico O'Mega ten denunciado a sobrecarga dunha médica en Anafáns. GONZALO GARCÍA

A Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio volve convocarse para o mediodía do vindeiro martes, 19 de xaneiro, tras a súa creación e primeira xuntanza a mediados de decembro, e mantén a vixilancia sobre a situación da Atención Primaria no municipio. A entidade tamén mantén a alerta de risco de "colapso" dos centros de saúde ante a problemática derivada do elevado ratio de pacientes por médico. Neste sentido, pon o foco na "saturación do persoal" coa meta de que "o Sergas reforce canto antes a Atención Primaria". 

Precisamente, na sesión de constitución da mesa abordáronse cuestións como o "elevado ratio" de pacientes por médico existente en Poio, o que provoca "problemas como a dilatación das listas de agarda para obter cita médica", que estiman en "dúas semanas de agarda". Neste sentido, o Concello insistiu na necesidade de que "a Xunta dote aos centros sanitarios locais de máis profesionais, e que se cubran as ausencias por descansos ou baixas cando se produzan". Tal e como asegurou a representante de Avante Poio na Mesa, Silvia Díaz, "seguirase demandando ao Sergas que traslade a información sobre as prazas do persoal de baixa, permisos ou vacacións que non están a substituírse". 

O concelleiro de Sanidade e presidente da mesa, Xosé Luís Martínez, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, mantiveron estes últimos días reunións cos responsables dos centros de saúde de Poio, de cara a coñecer as súas necesidades no que se refire a cuestións organizativas vencelladas á vacinación da covid-19 ou o cumprimento dos protocolos de seguridade. Neste sentido, dende o Concello aseguraron que se "implicará e colaborará, dentro das súas posibilidades, para dar resposta a aquelas necesidades que non sexan cubertas pola Xunta de Galicia, en favor dunha maior organización e seguridade para a veciñanza". 

Na orde do día desta nova xuntanza figura, ademais da aprobación da acta da sesión anterior, o análise das peticións realizadas pola Plataforma da Sanidade. A mesa analizará tamén a situación actual, marcada polo aumento da incidencia do virus no municipio. O novo órgano municipal, no que están representados os catro grupos da Corporación, persegue a configuración dunha folla de ruta que sirva para lograr "unha mellora efectiva do servizo sanitario". 

Comentarios