jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

Poio xa conta co seu primeiro composteiro comunitario en Ferreirós

Os traballos de instalación finalizaron este martes. GONZALO GARCÍA
Os traballos de instalación finalizaron este martes. GONZALO GARCÍA
A concelleira de Obras e Servizos, Chelo Besada, asegurou que comezará a funcionar para o público a partir da vindeira semana

O primeiro composteiro comunitario de Poio xa é unha realidade. Despois de que a Concellería de Obras e Servizos anunciara a súa instalación nas inmediacións do Casal de Ferreirós, concretamente na rúa Rosalía de Castro, o pasado mes de xuño, os traballos finalizaron este martes, coa instalación dos contedores, que se levou a cabo durante esa mesma mañá.

A pesar de que nun principio se prevía que estarían dispoñibles para os usuarios no mesmo mes de xuño, os traballos tiveron que retrasarse, de xeito que, xa coa montaxe da estrutura finalizada, a concelleira de Obras e Servizos, Chelo Besada, asegurou que se porá a disposición dos veciños e veciñas da zona a semana que vén.

Besada non dubidou en sinalar o beneficio deste novo servizo para a veciñanza, e asegurou que "se conseguimos reducir moito o volume de residuos mediante a reciclaxe no composteiro, incluso poderiamos chegar a baixar o recibo do lixo".

Este é un dos obxectivos da Concellería, que aposta polas vantaxes do Centro Comunitario de Compostaxe (CCC) á hora de reducir a cantidade de restos de materia orgánica con destino a incineración, o que supón unha redución de custes no tratamento do lixo. Ademais, explicou, o compost garante o incremento da fertilidade no chan, permitindo a redución de fertilizantes químicos e contaminantes. Trátase tamén dun "requisito a nivel europeo, que busca reducir os residuos ao 50% no ano 2022", engade.

LOCALIZACIÓN. Aínda que este é o primeiro composteiro comunitario co que conta o municipio de Poio, pronto haberá máis. Así o prometeu a concelleira, que apostou por levar a cabo esta primeira instalación nas inmediacións de Ferreirós porque se trata "dunha zona moi urbana, con moito edificio, na que se ubica tamén a residencia de maiores, e pareceunos un lugar axeitado e accesible para a veciñanza".

Besada, que durante a mañá do martes supervisou as labores de instalación do composteiro comunitario, animou aos veciños e veciñas a que "colaboren e participen, pois os beneficios da compostaxe son moitos. Imos a tratar de reducir as toneladas de Sogama", afirmou.

Trátase dunha práctica que xa se vén desenvolvendo nas zonas rurais de Poio baixo a fórmula do composteiro individual. A Concellería de Obras e Servizos xa repartiu 400 exemplares entre a veciñanza do rural, que tamén se beneficiou de cursos para aprender sobre a súa utilización. Neste sentido, asegurou Besada, "estamos á espera dunha subvención para poder repartir 1.000 composteiros individuais máis polo rural, que tamén se lles irían entregando aos veciños e ensinándolles a utilizalos".

Poio xa conta co seu primeiro composteiro comunitario en Ferreirós
Comentarios