Polémica entre o BNG e o goberno de Poio pola iluminación do rural do Nadal

O BNG di que deixou contratada iluminación para máis de dez lugares do rural e afea que o PP concentrara a súa decoración nalgúns puntos, deixando outros sen ela ► A edil de Cultura, Natalia Sabarís, responde que os nacionalistas "están molestos" pola boa aceptación da nova proposta do Goberno de Moldes
Nadal en POIO 2023
photo_camera Un dos momentos da inauguración do sábado pasado, na Praza do Mosteiro de San Xoán. D.P

Novo soga-tira entre o BNG de Poio e o Goberno local, esta vez, co gallo da iluminación do Nadal nas zonas do rural.

O equipo liderado por Marga Caldas quéixase de que a concelleira delegada de Cultura, Natalia Sabarís, non comparece nas comisións, non resposta ás preguntas, e non contou coa oposición para presentar ou comunicar a programación do Nadal.

POlémica bng pp POIO
A edil do BNG (esq.) e a concelleira de Cultura (dta.). D. FREIRE

Froito diso, aínda que a anterior edil de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, deixara contratada a iluminación en termos similares a outros anos anteriores (con arcos e elementos para as distintas zonas do rural), o BNG non soubo ata a semana pasada que lugares que antes tiñan esta decoración, agora carecerán dela. A lista abarca a Vilariño, Chancelas, Sartal, Río Mouro, Estrada de Campelo, Lourido, Raxó, Ucha, San Martiño, Liñares, Samieira, Pereiro, Casalvito, Muíiño, Fragamoreira e Arís; ademais, no tramo urbano, a rúa Valiña, Portosanto e Boa Vista tamén quedaron, segundo o BNG, sen decoración luminosa."A falta de transparencia do actual Goberno, fai que teñamos que enterarnos pola prensa da programación de Nadal, omitindo os órganos de consulta de Goberno. Unha delegada de Cultura que non comparece nas comisións e tampouco facilita información aos requirimentos e preguntas. A día de hoxe temos total descoñecemento de cal é o motivo polo que non se colocou a iluminación nos diferentes puntos do Concello, polo que solicitamos ao Goberno Local, que practiquen a transparencia da que facían bandeira e informen á oposición da planificación de Nadal deste Concello", indica o BNG.

Resposta

Pola súa banda, a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, lamentou que o BNG saia a protestar polo Nadal de Poio xusto despois dunha "inauguración histórica" o sábado, na que se superaron todas as expectativas. "O que lle molesta é que os veciños xa están recoñecendo que é o mellor Nadal que recordan ata o momento en Poio, e isto só está comezando", sinalou.

Nesta liña, pide que fagan memoria "do Nadal que organizaban a destempo e, incluso, con tristeza, xa que nalgún ano era 30 de decembro e continuaban colocando arcos de luces, e mesmo daban por amortizadas as festas sen ningún tipo de programación nin contido. É máis, os veciños de Poio tiñamos que desprazarnos a outros concellos para vivir e gozar de contido durante estas festas". E engade: "Quen sacou das parroquias as cabalgatas dos reis magos? Foi a primeira decisión que eles tomaron hai 28 anos e que nós recuperamos e ampliamos este ano".

Sabaris destaca que este ano o Nadal de Poio ofrece contido, creando Aldeas de Nadal nos lugares máis emblemáticos de todas as parroquias para que durante estas festas se convertan en puntos de reencontro para as familias. Por iso, volve a agradecer a implicación de máis de corenta colectivos e dos centros escolares do municipio na programación e na decoración. Ademais, lamenta as críticas que os nacionalistas fixeron a través das redes sociais nas que falan de aldeas “cutres”, “non sabemos si referíndose ao traballo dos carpinteiros e xardineiros locais ou ás decoracións que fixeron os escolares”.

Comentarios