Polémica en Cerdedo-Cotobade pola mellora dos Baños do San Xusto

O alcalde, Jorge Cubela, revelou que algúns cargos orgánicos e institucionais do PSOE queren "paralizar" a súa rehabilitación
Baños de San Xusto. ADP
photo_camera Baños de San Xusto. ADP

Polémica en Cerdedo-Cotobade en plena crise sanitaria do coronavirus. O alcalde, Jorge Cubela, revelou que dispón de varias informacións que demostran que algúns cargos orgánicos e institucionais do PSOE están a realizar movementos para tratar de "paralizar e rebentar" a rehabilitación integral dos Baños do San Xusto, unha obra "histórica" iniciada hai tres meses e financiada integramente pola Xunta de Galicia con 680.000 euros ao abeiro do primeiro Pacto pola Paisaxe de Galicia.

O rexedor lembrou que este proxecto, unha ambición do goberno local na presente década, comezou a coller forma no ano 2015 e incluíuse no Catálogo de Paisaxes de Galicia a través dunha alegación formulada polo Concello polo carácter singular dos Meandros do Lérez. Ademais, engadíu que tanto dende o Concello como dende a Xunta de Galicia fíxose unha tramitación administrativa e normativa "impecable" e acabouse desenvolvendo a través dun convenio similar a centos de obras que se acometen en Galicia e en España en administracións rexidas por todas as formacións políticas.

O rexedor quixo lembrar que o proxecto dos Baños do San Xusto e o seu financiamento a cargo da Xunta ao abeiro do Pacto pola Paisaxe de Galicia tivo, no momento da súa aprobación, a participación directa e o respaldo absoluto da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) como entidade firmante, implicada e participante do proxecto "polo que non se entende moito que agora xurdan estes movementos".

Comentarios