Poli, o can rescatado pola Policía Local de Poio, busca unha familia

Nestes momentos atópase na canceira municipal, pero o diagnóstico dunha anemia incompatible coa vida fai que as condicións do refuxio non sexan axeitadas para el
Poli, o can moribundo rescatado o pasado xoves pola Policía Local de Poio en San Xoán. CANCEIRA DE POIO
photo_camera Poli, o can moribundo rescatado o pasado xoves pola Policía Local de Poio en San Xoán. CANCEIRA DE POIO
A historia de Poli, o can moribundo rescatado o pasado xoves pola Policía Local de Poio en San Xoán, e que así foi bautizado a posteriori, aínda non tivo o seu final feliz. Despois de que o animal fora trasladado ao veterinario polo fatal estado de saúde que presentaba, foi diagnosticado dunha anemia, segundo explicaron dende a Canceira municipal, onde se atopa nestes momentos, "incompatible con la vida".

O estado de debilidade do can e os problemas de visión que acusa, provocaron un chamamento por parte das responsables da Canceira, que piden de xeito urxente un fogar para que o animal poida mellorar as condicións ás que se enfronta no refuxio, e que, dado o seu estado de saúde, non son as axeitadas.

Dende a Canceira solicitan unha familia que poida axudar ao animal, que sexa dos arredores de Poio, e animan a contactar no teléfono 620 146 033 ou de xeito privado, a través das redes sociais.

O animal foi detectado mentres se atopaba nun barrizal, sen chip identificador, e presuntamente foi abandonado, polo que se busca á persoa que podería enfrontarse a un delito de maltrato animal.

INVESTIGACIÓN EN RAXÓ. Na parroquia de Raxó, a Garda Civil investiga unha denuncia presentada por unha particular, veciña de Sanxenxo, contra a presunta responsable dunha suposta residencia canina ubicada nunha casa da zona, na que a denunciante tería deixado ao seu can durante uns días.

Segundo declarou, tras abonar 76 euros no momento da recollida polos servizos prestados, puido observar alteracións na saúde e no comportamento da súa mascota, e ser testemuña das supostas malas condicións nas que se atopaban o resto de animais no interior do edificio.

A investigación está en mans do Seprona da Garda Civil de Pontevedra.

Comentarios