domingo. 31.05.2020 |
El tiempo
domingo. 31.05.2020
El tiempo

A Policía descarta deficiencias na vía como causa do accidente mortal de Campelo

A Policía Local e a veciñanza da zona achegouse ao lugar do sinistro o domingo. DAVID FREIRE
A Policía Local e a veciñanza da zona achegouse ao lugar do sinistro o domingo. DAVID FREIRE
A investigación segue aberta á espera da autopsia  De confirmarse que foi un sinistro con patinete eléctrico, sería o primeiro caso en Galicia

A investigación sobre a causa da morte de David Castro, veciño de Campelo, segue aberta ao non trascender aínda os resultados da autopsia. A Policía Local xa descartou unha deficiencia na vía como causa do accidente que sufriu o mozo de 31 anos o domingo, cando circulaba montado en patinete eléctrico pola rúa Padre Avelino, arredor das 16.00 horas, ao pouco de saír do seu domicilio. 

"A vía é unha plataforma única, sen beirarrúas nas que poder tropezar, e o adoquín é moi plano e sen rugosidades, polo que esta posibilidade está descartada", sinala o xefe da Policía Local de Poio, Antonio Duarte. Segundo explica, o patinete eléctrico que manexaba Castro no momento dos feitos tampouco puido ser a causa, xa que "o vehículo circulaba perfectamente e non está manipulado nin presenta evidencias de que puidera ocasionar a caída".

A falta de coñecer os resultados da autopsia, que lle foi practicada ao falecido durante a mañá deste luns, sobre as 9.30 horas, segundo informaron fontes cercanas á familia, a Policía Local valora como posibles causas do suceso que o mozo sufrise un infarto ou algún outro tipo de complicación que causara un desvanecemento, posto que tiña antecedentes médicos de tipo cardiaco, algo polo que xa se sometera a varias intervencións. 

Outra das opcións que baralla a Policía é que o falecido se despistara mentres circulaba co patinete eléctrico pola rúa, provocando unha caída que lle causou a fractura na cabeza. De tratarse dun accidente de tráfico, sería o primeiro caso de falecemento en Galicia.

"Recibimos o corpo de David ás 19.00 horas, iso é máis dun día enteiro despois. Por que tiveron que esperar tanto tempo estes pobres pais polo seu fillo?"

Iago Tomé, amigo do falecido, permaneceu coa familia de David Castro durante toda a xornada deste luns. Aínda que os familiares descoñecen os resultados da autopsia, Tomé sostén que, pola saúde do seu fillo "só pensan en que puidera ser un accidente ou un problema do corazón" e nunca sospeitaron da posibilidade de que as condicións do adoquinado influíran no sinistro.

Tomé censurou con dureza a dor causada á familia pola lentitude da burocracia nestes casos. "Recibimos o corpo de David ás 19.00 horas, iso é máis dun día enteiro despois. Cremos que a autopsia se fixo a primeira hora da mañá. Por que tiveron que esperar tanto tempo estes pobres pais polo seu fillo? Hai xuíces que parece que non teñen corazón", lamentou. A pesar diso, pais e irmáns aguantaron estoicamente a espera, sen contar coa nova intervención do grupo de psicólogos de apoio que o 112 despraza nestes casos.

Tomé confirmou que David Castro recibirá sepultura esta mesma tarde nunha cerimonia sinxela e familiar, na que a localidade de Campelo dará unha última mostra de cariño á familia do mozo falecido.

Segundo os datos da Policía Local, Poio rexistrou tres incidentes con patinete eléctrico ata a data

MEDIDAS. A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, mostrou todo o seu apoio para a familia do falecido, e pediu "respecto máximo". "A Policía está facendo o seu traballo, e unha vez que se decreten as causas miraremos de tomar as medidas. Neste momento temos que ser precavidos, respectuosos coa familia e deixar facer aos axentes o seu traballo para saber cales foron as causas deste tráxico suceso. 

Unha vez que saibamos as causas poderemos falar de cales serían as medidas a tomar, se fora competencia de Poio, xa que para estes vehículos non hai unha normativa clarificada nin a nivel da Dirección Xeral de Tráfico", explicou a concelleira.

Segundo os datos da Policía Local, Poio rexistrou tres incidentes con patinete eléctrico ata a data, dous dos cales foron sancionados por superar os vehículos a velocidade e watios permitidos e carecer de matrícula e seguro.

A Policía descarta deficiencias na vía como causa do accidente...
Comentarios