A Policía Local aprecia "irregularidades" no transporte do IES de Poio

Deuse conta ao Departamento de Mobilidade da Xunta, que abrirá expediente sobre o caso
Inspección dos axentes. POLICÍA LOCAL DE POIO
photo_camera Inspección dos axentes. POLICÍA LOCAL DE POIO

A Policía Local de Poio apreciou varias "irregularidades" durante dúas inspeccións efectuadas no transporte escolar do IES de Poio, solicitada polos pais e nais de varios alumnos do centro, que nos últimos días manifestaron a súa preocupación pola falta de asentos nos autobuses das liñas 1 e 2, o que provoca que en moitas ocasións os estudantes "non poidan acceder ao transporte ou sexan ubicados noutras liñas sen serlles requeridos nunca os carnés de transporte", co conseguinte descoñecemento dos pais e nais sobre a ubicación dos menores.

A inspección efectuada polos axentes levouse a cabo o pasado 21 de setembro dende as 8.35 horas, momento no que o autobús da empresa Monbus asignado chegou á Praza da Granxa para recoller ao alumnado desta liña. Segundo o informe da Policía Local, os menores que agardaban na parada subiron ao transporte sen que se lles requerira o carné de transporte escolar, quedando catro deles fóra do autobús, que xa completara a súa capacidade. Unha vez que os axentes interviron para pedir explicacións sobre o criterio a seguir, explicóuselles que acudiría un autobús da ruta de O Muíño (liña 1) para recollelos. No momento da chegada do segundo autobús en sentido San Salvador, a acompañante escolar guiou aos catro menores ata o transporte, ao que subiron sen que se lles requerira tampouco a tarxeta, segundo o informe.

Ás 14.20 horas do mesmo día, os axentes persoáronse de novo á saída do instituto para comprobar como quedaban fóra do autobús da liña 2 cinco menores, dos cales dous subiron no que segue a ruta do Vao, e outros tres ausentáronse do centro andando cara os seus domicilios.

Tras recibir novas queixas en referencia "ao mesmo tipo de irregularidades" na parada da Avenida Peirao Besada, a Policía Local comprobou durante a mañá do luns o cumprimento do protocolo covid, xa que, aínda que todos os menores presentes na parada accederon ao transporte nesta ocasión, pasando agora a formar parte da liña 2, manifestaron que non sempre viaxan nos mesmos asentos, tras ser preguntados polos axentes, ao non requerírselles novamente a tarxeta de transporte, infrinxindo así o protocolo anticovid establecido.

A Policía Local de Poio xa remitiu estas incidencias ao departamento de Mobilidade da Xunta, que terá que abrir un expediente sobre o caso.

Comentarios