A Policía Local de Poio detecta condutores sen aptitudes mínimas para ir ao volante

Os axentes indican que "estas situacións prodúcense sobre todo en persoas maiores"
2020091214141634328
photo_camera O xefe da Policía Local de Poio pide a colaboración das familias de conductores con este tipo de problema. CEDIDA

A Policía Local de Poio vén detectando ao longo deste ano a varios condutores, especialmente persoas da terceira idade, que non cumpren coas aptitudes e requisitos mínimos para ir ao volante dun vehículo. Precisamente, o pasado mes de agosto os axentes interceptaron a un veciño de San Xoán, propietario dun coche que se atopaba estacionado nunha zona reservada a usuarios e usuarias con problemas de mobilidade.

No momento de solicitarlle unha identificación, os integrantes do corpo de seguridade comprobaron que o home, de 65 anos, padecía unha doenza neurolóxica que lle provocaba perdas de memoria, polo que procederon á inmobilización do turismo e posteriormente se deu aviso a un familiar. Ademais, tamén iniciáronse os trámites para solicitar a retirada do seu permiso de condución.

O xefe da Policía Local de Poio, Antonio Duarte, comenta que "cando nos atopamos ante unha situación deste tipo, o que facemos é poñernos en contacto coa Dirección Xeral de Tráfico para solicitar que efectúe unha revisión extraordinaria do psicotécnico do condutor ou condutora en cuestión".

"Nos últimos tempos non houbo que lamentar accidentes de gravidade, pero poden resultar un perigo"

O máximo responsable do corpo de seguridade explica que, unha vez realizada esta acción, "pode darse o caso de que estas persoas perdan definitivamente o seu carné de conducir, ao non superar a proba, pero tamén hai casos nos que se lles limita a condución a un número concreto de quilómetros ou se lles prohibe circular pola noite".

Duarte recalca a importancia de que as familias que conten cun achegado que padeza este tipo de problemas notifique da situación á Policía Local. "É a mellor forma para poder axudar. En ocasións, nós identificamos a este tipo de persoas porque, durante as patrullas, somos testemuñas dalgunha manobra incoherente ou perigosa. Afortunadamente, non últimos tempos non houbo que lamentar accidentes de gravidade, pero é innegable que estes condutores poden resultar un perigo tanto para eles mesmos como para o resto de usuarios e usuarias da estrada".

Comentarios