A Policía Local investiga o roubo da maior parte do céspede do parque de Saíñas

O material subtraído estaría estimado nuns 1.000 euros de valor
A sustración detectouse nas últimas horas. POLICÍA LOCAL POIO
photo_camera A sustración detectouse nas últimas horas. POLICÍA LOCAL POIO

A Policía Local de Poio investiga o roubo de aproximadamente 50 metros cadrados de céspede artificial do parque infantil de Saíñas, que entre material e man de obra, estaría estimado nuns 1.000 euros de valor.

A Policía Local céntrase agora nunha "pista" para dar co autor de tales feitos, se ben as circunstancias da investigación complícanse ao terse producido o suceso, segundo apuntaron fontes do corpo de seguridade, "hai arredor dun par de semanas".

Neste sentido, veciños do lugar xa notaran a ausencia do céspede artificial, aínda que ninguén deu aviso á Policía Local ao crer, tal e como explicaron dende o corpo de seguridade, que a ausencia do céspede formaría parte dalgún tipo de labores de reposición por parte do Concello. Por este motivo, a falta do céspede foi detectada pola Policía Local nas últimas horas.

Dende a Policía Local aclararon que se trata dunha zona residencial, na que "apenas hai tráfico", e que o autor do roubo puido ser tanto "un veciño da zona como alguén de fóra", posto que este tipo de céspede utilízase tamén para a ornamentación de xardíns particulares, se ben o metro cadrado tamén ten o seu valor no mercado.

De feito, o autor material acuaría coa intención de roubar o máximo volume posible posto que, segundo a Policía Local, só quedou sobre o terreo a parte do céspede que permanece anclado ao chan polos diferentes elementos do parque.

Comentarios