A Policía Local de Poio detén a un home de 27 anos logo de agredir á súa parella na rúa

No que vai de ano leváronse a cabo nove detencións por violencia de xénero e dúas denuncias por malos tratos
Minuto de silencio organizado polo CMM de Poio. DP
photo_camera Minuto de silencio organizado polo CMM de Poio. DP

A Policía Local de Poio detivo esta semana a un home de 27 anos acusado de agredir á súa parella na rúa. Segundo explican dende o corpo policial, os feitos sucedéronse hai uns días, cando a víctima e o presunto agresor camiñaban pola rúa, e iniciaron unha forte discusión. Nese intre, foi cando o presunto agresor comezou a golpeala.

Os feitos foron constatados por varias testemuñas que pasaban polo lugar, sendo elas mesmas as que alertaron á Policía Local poiense. Os axentes trasladáronse de inmediato ao lugar dos feitos, procedendo á inmediata detención do autor, que foi acusado dun presunto delito de violencia de xénero. Ademais disto, deuse protección á víctima.

Non é o primeiro caso que ocorre en Poio en circunstancias similares e á luz do día. O pasado mes de marzo a Policía Local detivo tamén a un home como presunto responsable de agresións machistas á súa exparella sentimental, un día despois de ser denunciado por violencia machista por parte da muller, coa que iniciou unha forte discusión na vía pública, concretamente no parque de Santa Rosalía, preto das dependencias policiais.

Segundo indicaron dende a Policía Local, o corpo traballa "a diario e implícase en axudar ás vítimas deste tipo de delitos". 

No que vai de ano, a Policía Local de Poio levou a cabo a detención de nove persoas por violencia de xénero, e recolleu outras dúas denuncias de vítimas por supostos maltratos machistas. Tamén se tramitaron seis casos por violencia doméstica, e en tres destes casos había implicación de persoas menores de idade.

O CMM rexeita o último asasinato machista

O Consello Municipal da Muller de Poio convocou esta semana un parón cun minuto de silencio ás portas da Casa Rosada para amosar a súa repulsa polo asasinato dunha muller en Gondomar. O Consello realiza esta convocatoria con cada acto de violencia machista.

Comentarios