A Policía Local de Poio detén un home buscado por violencia de xénero dende 2019

Conta con numerosos antecedentes e ten en vigor unha orde de afastamento
Momento da detención. POLICÍA LOCAL DE POIO
photo_camera Momento da detención. POLICÍA LOCAL DE POIO

A Policía Local de Poio detivo este xoves un home de 35 anos sobre o que pesaba unha orde de detención, busca e persoamento no xulgado, que databa de 2019, por estar relacionado con varios delitos de violencia de xénero. O detido, que conta con numerosos antecedentes e unha orde de alonxamento da súa exparella sentimental en vigor, foi interceptado polos axentes e identificado en San Salvador. 

A Policía Local mantiña a alerta sobre este individuo e contaba con esta información dende que se fugara de outro asunto relacionado con violencia de xénero, que protagonizara en 2020 tamén na parroquia de San Salvador. Agora, o detido será posto a disposición xudicial, despois de non presentarse no xulgado en 2019. 

O balance de detidos por violencia machista en Poio durante o pasado ano amosa cifras nada desdeñables. En 2020, foron detidos oito indivíduos como presuntos responsables de violencia machista, aos que hai que sumar outras nove investigacións vencelladas con violencia doméstica, tres destes casos relacionados con menores. En total, a Policía Local interviu en 19 casos de violencia familiar o pasado ano e tamén recolleu dúas denuncias de víctimas de violencia de xénero. 

Para a tramitación deste tipo de denuncias, a Policía Local de Poio conta coa ferramenta Xespol e cunha acta de campo que permiten unha maior axilidade. No caso da acta de campo, foi presentada en xaneiro de 2020, e os axentes utilízana para recabar datos in situ nunha primeira asistencia no lugar, ante unha posible agresión machista ou doméstica. Este documento inclúese na plataforma Xespol. A acta funciona coma un atestado e pode resultar decisiva á hora de previr un caso de violencia de xénero, xa que nela queda rexistrada calquera tipo de incidencia, coma unha discusión doméstica, o que posibilita que os axentes teñan a oportunidade de actuar antes de que se produza unha denuncia ou que a situación empeore. 

Calquera muller do municipio que esté a sufrir unha situación de violencia no fogar pode poñerse en contacto co Centro de Información á Muller (986 872 401) ou coa Policía Local (689 575 495).