Investigado un veciño de Pontevedra por extorsións a un poiense

Vítima e acusado son compañeiros de traballo
Policía Local de Poio.DP
photo_camera Policía Local de Poio.DP

A Policía Local de Poio mantén unha investigación aberta a un veciño de Pontevedra, como presunto responsable dun delito de extorsión con intimidación, mediante ameazas, a un home natural do municipio poiense. O corpo de seguridade municipal tivo constancia destes feitos o pasado 27 de agosto. Foi entón cando a vítima acudiu ás dependencias policiais para denunciar o sucedido.

O veciño de Poio amosou aos axentes unha serie de mensaxes telefónicas, presuntamente enviadas polo sospeitoso, a través das cales se lle esixe á vítima a entrega de cartos e efectuar varias compras, realizando ameazas moi graves contra a súa integridade. Ante estes feitos, a Policía Local procedeu a investigar ao suposto autor desta extorsión, que non conta con antecedentes.

Segundo a súa versión, esas mensaxes intimidatorias foron enviadas por un familiar seu, residente nun país de Sudamérica, logo de que lle duplicase a tarxeta do seu teléfono, de aí que coincidise o número. Sen embargo, esta explicación non convenceu aos axentes, que procederon a abrir a pertinente investigación a este home. Dase a circunstancia de que ambas persoas, vítima e acusado, son compañeiros de traballo.

Comentarios