viernes. 23.04.2021 |
El tiempo
viernes. 23.04.2021
El tiempo

A Policía Local cuantificará o ruido no municipio de Poio cun sonómetro

Seguridade Cidadá mantivo reunións estas semanas para ultimar o funcionamento e a normativa. DP
Seguridade Cidadá mantivo reunións estas semanas para ultimar o funcionamento e a normativa. DP
O Concello adquirirá o novo aparato para levar a cabo este tipo de controis no futuro, de acordo á vindeira ordenanza de Convivencia Cidadá

Impulsar medidas "efectivas e rigorosas" á hora de controlar a contaminación acústica no municipio é un dos obxectivos que se marca o Concello de Poio en 2021 e, por isto, a concellería de Seguridade Cidadá vén de anunciar a futura adquisición dun aparato que permitirá levar a cabo a medición do nivel de ruidos cando sexa necesario. A adquisición dun sonómetro, que será utilizado no futuro pola Policía Local e os técnicos de Medio Ambiente foi unha das cuestións abordadas na última reunión de traballo celebrada esta semana entre a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e varios técnicos municipais.

Tal e como explicou a edil, serán os axentes da Policía Local e os técnicos de Medio Ambiente os encargados de facer uso deste aparato cando sexa preciso realizar algunha medición, co obxectivo de corroborar que os niveis acústicos "cumpren coa normativa vixente". Para iso, o persoal responsable de utilizar o sonómetro someterase proximamente a unha formación para familiarizarse coa súa utilización, á que xa se están a someter os axentes do corpo de seguridade.

Caldas valorou de xeito positivo esta medida e asegurou que "seguimos dando pasos de cara á regulación de cuestións que son moi importantes para garantir o benestar da nosa cidadanía". Precisamente, esta é unha das metas que se contempla na futura ordenanza de Convivencia Cidadá. Trátase dun documento en cuxa elaboración xa está a traballar o Concello de Poio e que, de feito, forma parte do Plan Normativo Anual 2021, que foi aprobado no Pleno ordinario do pasado mes de xaneiro e no que se recollen todas as ordenanzas que o Goberno municipal contempla sacar cara adiante neste exercicio.

As reunións de traballo entre a Policía Local e Medio Ambiente véñense mantendo nas últimas semanas non só para ultimar os detalles sobre a medición e ruidos, senon tamén para continuar avanzando nunha normativa que, segundo a edil, "temos claro que debe ser un documento vivo, dinámico e moi transversal. Traballamos, en definitiva, nun complemento que servirá para completar outras ordenanzas nas que tamén está a traballar o Concello de Poio e, ao mesmo tempo, nunha vía que debe servir para dar resposta a necesidades vencelladas ao medio ambiente ou o patrimonio", conclúe Caldas. A integrante do Goberno local entende que a cuestión das medicións acústicas "é importante", xa que "axudará a garantir que se poida compatibilizar o desenvolvemento de diferentes actividades lúdicas ou de lecer, cando o contexto sanitario así o permita, co descanso e o benestar dos veciños e das veciñas". 

A Policía Local cuantificará o ruido no municipio de Poio cun...
Comentarios
ç