viernes. 17.09.2021 |
El tiempo
viernes. 17.09.2021
El tiempo

A Policía Local de Poio resolveu 88 delitos no ano 2020 e detivo a nove persoas

Axentes na comisaría da Policía Local de Poio. ADP
Axentes na comisaría da Policía Local de Poio. ADP
Os delitos no municipio estabilízanse dende 2020, aínda que existe unha tendencia á alza, sendo xa instruidos 126 no que vai de ano
A Policía Local do Concello de Poio levou a cabo un estudo criminolóxico no que se analizaron os delitos cometidos ao longo do ano 2020. Neste sentido, os axentes recopilaron, a partir da base de datos XesPol, un total 187 quebrantamentos dos cales 94 se califican como leves e 84 como graves. Non obstante, dos delitos totais, 29 correspóndense con infracións cometidas vía internet.

Para levar a cabo a análise completa da criminalidade que se produciu o pasado ano, a Policía Local tivo en consideración aspectos como a tipoloxía do delito, o perfil do autor e da vítima e a ubicación na que xurdiron máis delitos.

Así, as causas de delito que máis prevalecen correspóndense a danos, furtos e roubos. Igualmente, tamén cobran especial relevancia as estafas e delitos contra a seguridade vial, os episodios de violencia de xénero e doméstica e as extorsións e ameazas vía telemática.

Pola súa parte, no que concerne aos rasgos do autor, este varía en función da tipoloxía do delito. Para realizar estudos ao respecto só poden tomarse como referencia aqueles que foron descubertos, dos que do total dos efectuados o pasado ano, coñecéronse 88 autores, sendo só 9 detidos e 93 descoñecidos. Estes datos permitiron realizar unha estimación na que se tomaron como varómetros a idade e o sexo, concluíndo que a idade promedio dos autores coñecidos se corresponde coa de 32,7 anos sendo maioritario o sexo masculino.

Nos casos de violencia doméstica, os delitos acostuman estar cometidos por varóns menores de idade, aínda que se ten constancia dun caso no que foi a nai quen maltratou aos seus fillos. En canto aos delitos de roubos, furtos, estafas e infracións contra a seguridade vial, o perfil predominante é o do varón de entre 30 e 40 anos.

O perfil da vítima é máis versátil. Así, hai casos nos que esta figura é azarosa, especialmente nos asuntos de delitos contra a seguridade vial, roubos e estafas; mentres que noutras ocasións, que son maioritarias, a vítima é escollida polo autor dos feitos froito dunha motivación de carácter persoal. Non obstante, o sexo e a idade dos damnificados é máis complexo de perfilar aínda que o patrón común acostuma ser o dunha muller maior de 14 anos, no caso de violencia de xénero, e de menores en xeral no que respecta á violencia doméstica.

E, xa no referido ao estudo do lugar con maior índice de criminalidade, San Salvador resulta ser a parroquia da zona de Poio con maior tasa ao respecto.

Ata o momento, ao longo deste 2021, a Policía Local rexistrou126 delitos, 64 con autor coñecido e 62 con descoñecido, e logrou deter a cinco persoas. A tipoloxía delictiva segue a estar centrada nos danos e furtos xunto co aumento das estafas. Á par, detectáronse 9 casos de delitos de violencia doméstica. En suma, o índice de criminalidade no municipio estabilízase aínda que cunha certa tendencia á alza.

PREVENCIÓN DE CRIMES. O Concello de Poio está levando a cabo propostas de prevención e redución da criminalidade. Así, empréndense programas de educación vial, contra a violencia de xénero e o programa "Axente-Titor", centrado no traballo con escolares para a prevención de delito dende idades prontas, sendo de vital importancia «coñecer as causas que conducen ás persoas a actuar deste xeito».

Á par, é influínte o apoio dos medios de comunicación xa que posibilitan a difusión das campañas a desenvolver.

A Policía Local de Poio resolveu 88 delitos no ano 2020 e detivo a...
Comentarios
ç