Ponte Caldelas acometerá a mellora da seguridade vial na estrada de Vilarchán

Trátase dunha obra cun orzamento de 139.094,34 euros que mellorará notablemente as comunicacións 
Estado no que se atopa a estrada. DP
photo_camera Estado no que se atopa a estrada. DP

O Concello de Ponte Caldelas ten xa listo o proxecto de mellora da seguridade vial da estrada interior de Vilarchán. Trátase dunha obra cun orzamento de 139.094,34 euros que mellorará notablemente as comunicacións dos veciños de Vilarchán, Contixe e Mirón, que diariamente empregan este vial para os seus desprazamentos.

A estrada presenta actualmente numerosas fochancas, baches e moitas deficiencias de seguridade vial que quedarán totalmente solventadas con esta actuación integral que mellorará os 1.500 metros dos que dispón esta carretera.

O Concello de Ponte Caldelas ten previsto unha reforma integral nesta estrada interior que contempla a limpeza de todas as marxes, a aplicación de nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico de 5 cm de grosor, a recolocación de todas as tapas de rexistro, o pintado da sinalización vial e a colocación de sinalización vertical, a construcción de cunetas en formigón e a realización de novas canalizacións de pluviais.

Ademais, coloranse varios reductores de velocidade e pecharase con bolardos a perigosa intersección coa PO-532 que se atopa en plena curva e que presenta escasa visibilidade, onde xa se produciron en diversas ocasións accidentes con feridos. Por outra parte, está previsto ampliar a sección viaria en todos os tramos que sexa posible. Esta é unha obra importante para os lugares de Vilarchán, Contixe e Mirón ó tratarse dunha estrada con moito tráfico e importante eixe de comunicación para a veciñanza desta zona, unha das máis poboadas do concello.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, destaca a importancia desta obra pois é "unha demanda veciñal histórica que a Xunta de Galicia non atendeu mentres foi titular do vial e que agora debe solventar o Concello de Ponte Caldelas a través dunha intervención integral". 

Comentarios