Ponte Caldelas bautizará a Casa do Pobo co nome do cantautor Suso Vaamonde

O cantautor cumpre 20 anos do seu falecemento e o Concello o quere homenaxear poñendo o seu nome a Casa do Pobo de Regodobargo
Suso Vaamonde. WEB SUSO VAAMONDE
photo_camera Suso Vaamonde. WEB SUSO VAAMONDE

A Casa do Pobo de Regodobargo levará o nome de Suso Vaamonde, o cantautor galego nacido nesta aldea de Ponte Caldelas o 20 de decembro de 1950. Vaamonde faleceu en Vigo o 16 de febreiro de ano 2000 e, coincidindo co vinte aniversario do seu pasamento, o Concello de Ponte Caldelas está a organizar un acto de recoñecemento para o ilustre veciño.

A concelleira Aurora Garrido, veciña de Regodobargo, xunto coa veciñanza do lugar de nacemento de Vaamonde, está a organizar dende hai varios meses un emotivo acto para o 16 de febreiro que contará coa participación de Mero e Manuel Dopico de A Quenlla, Alfredo de A Roda, Pepe Iglesias de Buxán, Luis Vaamonde e tamén as Pandereteiras de Regodobargo.

Unha ofrenda floral no río e a colocación da placa que dará o nome de Suso Vaamonde á Casa do Pobo de Regodobargo centrarán un acto preparado con «ilusión e cariño» por parte da veciñanza do lugar. A homenaxe a Vaamonde promete ser "moi musical", segundo informou o Goberno local, "tal e como lle gustaría ao propio homenaxeado".

O Concello continúa así cun recoñecemento iniciado polo tripartito no ano 2016, cando se "saldou unha débeda histórica con este ilustre veciño que deixou un legado cultural moi enriquecedor para toda Galicia". Segundo o Goberno, "iniciábase entón un recoñecemento que os anteriores alcaldes, ambos do Partido Popular, lle negaran aá figura de Vaamonde".

Comentarios