Ponte Caldelas buscará apoios no Goberno central para as súas termas

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, subliñou a aposta pola mellora do ciclo da auga, co PERTE específico

Blanco, Díaz e Losada, no paseo do Balneario, martes 27. DAVID FREIRE
photo_camera Blanco, Díaz e Losada, no paseo do Balneario, martes 27. DAVID FREIRE

A Estación Termal de Ponte Caldelas, é dicir, o proxecto no que se dará uso e encaixe ás augas termais do antigo balneario, buscará financiación nas distintas liñas estatais de apoio ao desenvolvemento sostible, ao turismo e ao uso racional da auga.

Así o explicou o alcalde, Andrés Díaz, nun encontro que mantivo este martes 27 pola mañá co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o subdelegado en Pontevedra, Abel Losada, no que explicou os pormenores deste proxecto, que se veu frustrado en varias ocasións nas dúas últimas décadas, a máis recente por mor da crise da covid-19, que deixou ao Concello de Ponte Caldelas sen inversores privados interesados en desenvolver o plan.

Ponte Caldelas aposta agora por conseguir fondos públicos cos que construír as instalacións e as pozas ao aire libre, que funcionarán como as termas ourensás de Chavasqueira ou Outariz, e buscar despois formas de xestión.

O delegado do Goberno enxalzou o proxecto e destacou o interese que pode xerar para varias liñas de financiación do Goberno estatal. Pedro Blanco comprometeu na visita o apoio do Goberno de Pedro Sánchez a esta iniciativa "porque encaixa perfectamente cos modelos de turismo sostible que seguimos impulsando para transformar Galicia e porque Pontecaldelas ten que recuperar a súa condición de municipio de referencia termal que nunca debeu perder".

Do mesmo xeito dixo agardar que "pronto se concreten liñas de financiamento a través de futuras convocatorias en materia de turismo ou auga coas que sacar adiante unha iniciativa moi beneficiosa para o conxunto de Galicia". O delegado deulle os parabéns ao rexedor por un proxecto "no que hai depositado moito traballo e ilusión" ao tempo que fixo referencia ás trabas impostas pola Xunta na súa tramitación lamentando que "semellen estar máis pendentes de poñer paus nas rodas ca de colaborar para seguir impulsando un recurso tan importante para Galicia como é o termalismo".

Blanco explicou tamén os detalles da iniciativa do Goberno central para mellorar e dixitalizar a xestión do ciclo da auga a través do PERTE específico que mobiliza na nosa comunidade case 24 millóns de euros, dos que se benefician 90 concellos e uns 280.000 galegos e galegas.

O delegado lembrou que a convocatoria de fondos do Plan de Recuperación do Goberno a través do primeiro PERTE de dixitalización do ciclo da auga que xestiona o Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) con 3.060 millóns de euros en investimentos públicos e privados, seleccionou en Galicia dous proxectos; un promovido pola Deputación de Ourense e AquaOurense e outro impulsado por Espina&Delfín. No primeiro concedeuse unha axuda de 7,3 millóns de euros para un investimento total de 13,2 e no segundo a subvención foi de 6,9 para un proxecto de 10,4.

Blanco defendeu que o Goberno de España "é punteiro na utilización dos fondos europeos para acadar unha xestión máis eficiente dun ben imprescindible como é a auga" e incidiu en que o PERTE vai beneficiar especialmente aos pequenos concellos. Pedro Blanco recordou que xa está en marcha unha segunda convocatoria do PERTE de dixitalización do ciclo da auga e que tamén está pendente de resolución a primeira convocatoria do PERTE destinada a proxectos de dixitalización do regadío que conta cun investimento inicial de 100 millóns e cuxo prazo de solicitudes pechou o pasado 13 de decembro de 2023.

Comentarios