Ponte Caldelas completa o arranxo dos parques de Gradín e Paradela

O Concello anuncia tamén a mellora integral dos outros tres recintos lúdicos que faltan por acondicionar

O parque de Fray Antonio Orge, inaugurado no ano 2007, tamén será reformado. ADP - Ponte Caldelas
photo_camera O parque de Fray Antonio Orge, inaugurado no ano 2007, tamén será reformado. ADP - Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas dá por rematados os traballos de mellora dos parques infantís de Paradela e Gradín. En ambos recintos realizouse unha actuación en profundidade para tratar os elementos metálicos e de madeira. Ademais repuxéronse as pezas e elementos que faltaban e procedeuse a un pintado e a unha limpeza xeral. O alcalde, Andrés Díaz, acudiu recentemente a pasar revista do estado destas obras e a escoitar a opinión dos veciños.

Así, segundo revela o tripartito, "o parque de Gradín quedou en perfectas condicións", mentras que "en Paradela será necesario colocar un pequeno valado ou dous bolardos para delimitar o espazo que utilizan os vehículos para aparcar e manobrar, que agora é excesivo".

Tal e como lembra o tripartito, días atrás era o lugar de Silvoso o que recuperaba os seus parques, mentras que en datas próximas, chegarán os traballos a Chaín. O orzamento para todos os parques do rural é de 35.000 euros.

O alcalde recalcou as dificultades legais que entrañan estas obras, toda vez que os parques do rural sitúanse sobre terreos comunais que non están incorporados ao patrimonio municipal e, coa normativa actual, só é posible para o Concello realizar labores de mantemento, pero non de novo investimento.

PARQUE URBANOS. Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas anunciou recentemente a mellora integral dos tres parques urbanos que faltan por acondicionar, toda vez que o parque central está completamente novo trala súa estrea o ano pasado.

Trátase dos parques da praza de Fray Antonio Orge (ludoteca e gardería), o parque do edificio Sol (tralo supermercado Froiz) e o parque da rúa que parte do Paseo Cordo Boullosa. Nestes tres recintos vaise acometer tamén a colocación de novos elementos de xogo cun orzamento total de 75.000 euros.

Comentarios