Ponte Caldelas consagrará a fin de semana á Festa da Troita

Ademais de concurso de pesca e degustación haberá verbena e folk
A degustación da troita. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera A degustación da troita. GONZALO GARCÍA (ADP)

A Alameda de Ponte Caldelas converterase esta fin de semana nunha gran festa coa troita como protagonista. Haberá posibilidade de degustar troitas fritidas e en escabeche durante o sábado e o domingo.

Este sábado o stand abrirá a partir das 19.00 horas e o domingo farao en horario de 12.00 a 14.30 e de 19.00 a 21.00 horas. Os prezos continúan sendo populares e a ración de troitas, con pan e un vaso de viño ou botella de auga ten un custe de 3,50 euros.

As actividades comezaron este sábado ás 8.30 horas, co concurso internacional de pesca deportiva (Sénior e Veteranos).

A partir das 17.30 horas comezan as exhibición de baile de grupos locais, nas que participarán a Escola de Bailes Tradicionais Trouleada de Ponte Caldelas, o grupo de baile infantil dos Coribantes de Buchabade e o grupo de bailes de salón Ponte Caldelas Baila.

Ás 19.00 horas comeza o Certame de Corais na igrexa do Sagrado Corazón, no que participarán a Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas, o Coro Vales Mahía de Silleda e a Coral Voces Amigas de Moraña. Ás 20.00 horas comeza o Festival Troita Folk, que contará co Os Coribantes e o grupo de baile A.C. Xiada da Pobra do Caramiñal. A partir das 23.00 horas comezará a verbena coa orquestra La Oca Band e Tic Tac.

O domingo o concurso de pesca comeza ás 9.00 horas (categoría Feminina, Xuvenís e Infantís). Ás 12.00 comeza o pasarrúas coa Banda de Música Artística de Arcade, hora á que tamén abre a degustación de troitas. Ás 13.00 horas terá lugar a entrega de trofeos do Campionato de Pesca na Alame e rematará o acto co concerto da citada Banda de Música ás 13.30 horas. Pola tarde poderán degustarse troitas a partir das 19.00 horas, cando tamén se inicia a segunda xornada do Troita Folk, adicada aos Cantos de Taberna con Cantanascroas de Salcedo e Madialeva de Meis.

Por outra banda, para complementar este evento, a Casa da Cultura de Ponte Caldelas acolle tamén ata o venres 31 de maio a exposición de artesanía da man de Olga Durán e Isabel Perea. Pezas de bisutería, cadros e macramé forman esta mostra que está aberta en horario de mañá e tarde.

Comentarios