Ponte Caldelas deseña unha ampla programación co gallo do 25-N

Charlas, homenaxes ou a presentación dun libro son algunhas das iniciativas propostas

Alumnos do IES durante unha charla informativa. ADP
photo_camera Alumnos do IES durante unha charla informativa. ADP

Ponte Caldelas celebrará o Día Internacional contra a Violencia sobre as Mulleres cunha completa programación, na que mesturará unha homenaxe ao asociacionismo feminino con actividades pensadas e programadas especialmente para o alumnado do Instituto de Ensino Secundario.

Será precisamente no IES onde hoxe se desenvolva a primeira iniciativa, consistente nunha sesión interactiva que leva por título 'Para que non doa, imos falar...' Durante 100 minutos trataranse aspectos sobre amor, sexo e respecto nas relacións, todo cun formato que busca o humor e a complicidade. O alumnado disporá dunha segunda sesión desta actividade o 18 de decembro. A charla será impartida pola psicóloga Paula Sánchez e estará dirixida aos 300 estudantes do instituto pontecaldelano.

Con respecto á xornada do 25 de novembro, o Concello promove un acto institucional que dá o máximo protagonismo ás tres asociacións de mulleres existentes no municipio (Mulleres Rurais de Xustáns, Mulleres Rurais do Verdugo e Agrupación Aires del Norte y Olé). Será un encontro no que cada colectivo lerá un discurso conmemorativo e no que se intercalarán actuacións musicais a cargo do coro da parroquia de Santa Eulalia. O alcalde dará lectura a un manifesto institucional e concluirase cunha celebración en común da efeméride.

O luns 27 de novembro o alumnado do IES volverá dispoñer das charlas encadradas no 'Plan Director' da Garda Civil, dirixido á prevención de delitos, entre eles especialmente os que teñen relación coa violencia de xénero. O martes será a presentación do libro 'Machismos de micro nada', elaborado polo grupo de traballo Fiadeiras, do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, un acto que resulta excepcional, toda vez que Fiadeiras rematou a xira de presentacións deste traballo, que xa pasou por librarías, concellos, centros sociais, centros da muller e varias universidades, entre elas a Sorbona, de París.

Todas as actividades están deseñadas para remarcar a importancia da prevención da violencia contra as mulleres e da educación social.

Comentarios