Ponte Caldelas desinfectará as súas rúas diariamente e axentes realizarán roldas de control 

O Concello habilita o Pavillón Municipal de Chan da Barcia para o uso dos transportistas
El alcalde de Ponte Caldelas Andrés Díaz. G. GARCÍA
photo_camera El alcalde de Ponte Caldelas Andrés Díaz. G. GARCÍA

O Concello de Ponte Caldelas iniciou este luns a desinfección de rúas e espazos públicos do centro urbano, con especial atención ás zonas públicas de máis afluencia: o exterior da Praza de Abastos e a contorna de supermercados, tendas de alimentación e farmacias.

Segundo informaron nun comunicado, esta tarefa levarase a cabo diariamente polos operarios municipais, que están só operativos para servizos mínimos (control de augas e depuradoras), axuda na compra de alimentos e medicamentos a persoas maiores e urxencias.

Por outra banda, a Policía Local e os efectivos da Garda Civil patrullarán as rúas do centro urbano e do rural para que se cumpra o estado de alarma. Así, controlarán que só abran os locais que están permitidos segundo as ordes marcadas polo Goberno e que as persoas circulen para adquirir produtos básicos ou para ir traballar. Tamén vixiarán que os cidadáns accedan aos establecementos de maneira "cívica e ordenada", para evitar aglomeracións, e que se respecten as distancias de seguridade.

FACILIDADES PARA TRANSPORTISTAS

Finalmente, o Concello de Ponte Caldelas quere apoiar a labor e o traballo dos camioneiros e transportistas que garanten que os comercios de alimentación e as farmacias sigan abastecidos.

Coa restrición de apertura bares e restaurantes, lembra o consistorio, "moitos atópanse nunha situación complicada, pois non teñen onde comer nin onde asearse". Por iso, o Concello puxo á súa disposición o Pavillón Municipal de Chan da Barcia para que poidan ducharse e asearse con auga quente.

Comentarios