Ponte Caldelas dotará de céspede natural a contorna da Calzada

É a primeira vez que a praia fluvial se trata con herba e o Concello confía en que a zona estará en perfectas condicións de cara a temporada de baño

Os traballos de acondicionamento comezaron hai uns días. CEDIDA
photo_camera Os traballos de acondicionamento comezaron hai uns días. CEDIDA

O Concello de Ponte Caldelas comezou recentemente o acondicionamento da praia fluvial da Calzada, única destas características de España con bandeira azul, de cara á temporada de verán. Nos últimos días preparouse o terreo na zona contigua ao quiosco para a plantación de céspede natural. Utilizando maquinaria específica durante varias xornadas, removeuse e fresouse toda a terra, retiráronse os arrastres de area e procedeuse ao abonado e incorporación de sustrato. Finalmente plantouse semente de herba rye grass inglesa, especialmente adecuada para esta zona.

O tripartito destaca que é a primeira vez que A Calzada se trata con herba e confía en que a zona estará en perfectas condicións de cara a temporada de baño, ofrecendo unha ampla superficie de herba para gozar desta contorna privilexiada, utilizada a diario por centos de persoas. Nas próximas semanas reporase tamén a area do areeiro e farase o acondicionamento xenérico da zona, incluíndo a colocación de valados para que todo estea listo a principios de xuño.

Por outra parte, o Goberno local activou a convocatoria de emprego público temporal para a cobertura das prazas dos tres socorristas, que este ano chega con melloras, ofrecendo contratos de tres meses, en lugar dos 60 días habituais. Este ano, a cobertura esténdese do 15 de xuño ao 15 de setembro, a fin de evitar problemas para cubrir a totalidade das prazas ofertadas, como sucedeu o ano pasado.

Comentarios