Ponte Caldelas emprende labores de limpeza en tódolos seus petróglifos

As labores de limpeza comezaron o pasado luns, 9 de agosto, cos traballos de roza na Área Arqueolóxica de Tourón
undefined
photo_camera O alcalde, Andrés Díaz, na Pedra do Cervo, na estación de Cuñas. CEDIDA

O Concello de Ponte Caldelas está levando a cabo traballos de acondicionamento na Área Arqueolóxica de Tourón, así como tamén no entorno da Pedra do Cervo, o petróglifo máis significativo da estación do "Campo de Cuñas" e que se ubica na "Fiada dos Legóns".

As labores de limpeza comezaron o pasado luns, 9 de agosto, cos traballos de roza na Área Arqueolóxica de Tourón "empregando medios manuais nas zonas próximas ás estacións de petróglifos e mecánicos no resto da zona de traballo", dentro dos 15.000 metros cadrados que conforman o parque. Estas tarefas continuaron ao longo de toda a semana e, este venres, tamén se emprenderon labores de limpeza na estación de Cuñas, no entorno da Pedra do Cervo.

As actuacións non puideron efectuarse o pasado ano posto que, segundo indican fontes municipais, "o organismo de Patrimonio da Xunta de Galicia impuxo unha serie de esixencias que nunca antes se mencionaran e que impediron a realización de traballos de mantemento do espazo".

Neste sentido, o Concello viuse "obrigado" a elaborar un proxecto que, tras ser enviado, "tardaron máis de nove meses en dar resposta". Ademais, o Concello alega que "esixiron a supervisión continua dun arqueólogo durante a realización dos traballos", tratándose, por tanto, de dúas cuestións que "nunca antes se requeriran á administración local". Porén, esta foi a principal razón pola que, no ano 2020, a Área Arqueolóxica de Tourón se atopaba en pleno "estado de abandono".

Deste xeito, tódolos traballos de mantemento que agora se están a realizar nestas zonas, son efectuados baixo a supervisión dunha arqueóloga, tal e como determinou a Xunta de Galicia.

Dende o Concello prevén que "os traballos de desbroce rematen nos vindeiros días" para, acto seguido, "continuar coa realización do resto de traballos de reparación", que non poden levarse a cabo antes da roza total do terreo.

Pola súa banda, Andrés Díaz, alcalde do municipio, insta á Xunta de Galicia para que "deixe de poñer atrancos para o coidado e conservación da Área Arqueolóxica, tendo en conta que non axudan nada na súa conservación nin no seu mantemento. O único que poñen é trabas para poder manter en bo estado este importante legado dos nosos antepasados".

Comentarios