Ponte Caldelas advirte de posibles sancións a terrazas que incumpran os horarios

Intensificarase a vixilancia a partir deste luns 
Andrés Díaz. ADP
photo_camera Andrés Díaz. ADP

A Policía Local de Ponte Caldelas e a Garda Civil intensificarán a vixilancia do cumprimento das medidas de distanciamento social nas terrazas e o horario de peche establecido.

Segundo explica o Concello nun comunicado, o obxectivo é "velar pola seguridade e a saúde dos seus veciños e visitantes" e evitar "un novo brote de Covid-19". "Un novo confinamento suporía a ruína total para a hostalería e o comercio local e, por extensión, para todo o termo municipal", apunta. 

Segundo a ordenanza municipal de terrazas, no horario de verán –do 1 de xuño ao 30 de setembro) os bares, cafeterías e restaurantes deben retirar a terraza antes das 00.30 horas de luns a venres e das 01.30 horas os venres, sábados e vésperas de festivos.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, apela á conciencia social da veciñanza e dos visitantes, e tamén á dos propios hostaleiros "pois estamos nun momento no que todos debemos traballar en conxunto, velar polo ben da sociedade, porque para saír ben parados desta situación temos que facelo xuntos e unidos".

Comentarios