Ponte Caldelas e A Lama, os únicos concellos do interior que medran en poboación

Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes seguen a tendencia á baixa que experimentan o resto de municipios rurais do interior da provincia
Unos padres con su bebé paseando por Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Uns pais co seu bebé. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Ponte Caldelas e A Lama son os únicos municipios rurais do interior da comarca que medran en poboación en 2019, rachando coa tendencia á baixa que continúan o resto de municipios das mesmas características na súa contorna, segundo os datos que vén de publicar o Instituto Nacional de Estadística (INE).

Aínda que a subida en habitantes en ambos concellos é mínima, segue a ser unha excepción con respecto aos municipios limítrofes, e significativa en canto á evolución poboacional á baixa que caracteriza vén caracterizando aos municipios do rural galego nos últimos tempos. Así, Ponte Caldelas pasa de 5.491 habitantes no inicio de 2018 a 5.494 habitantes a comezos de 2019. A Lama, se ben conta con menos habitantes, experimenta unha subida máis acentuada que o concello veciño, pasando de 2.430 habitantes en 2018 a 2.445 habitantes en 2019. Ambos municipios viñan de experimentar unha baixada poboacional de 71 habitantes en Ponte Caldelas e 48 habitantes en A Lama, dende o 2017 ao 2018, e seguiron unha cadencia semellante tamén á baixa dende o ano 2011 en A Lama e dende o 2005 en Ponte Caldelas, se ben neste último caso volveuse rexistrar unha subida en 2015.

ESCENARIO. "Ofrecer emprego no Polígono da Reigosa e dinamizar o concello con actividades culturais, deportivas, festas e outros eventos", son, segundo fontes do Concello de Ponte Caldelas, os motivos polo que se deu este aumento poboacional, xa que "supoñen unha inversión que fai medrar Ponte Caldelas, pese a ter máis do doble de falecementos que de nacementos, unhatónica xeral en toda Galicia". O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, destaca tamén que ao revisar as series históricas de poboación pódese comprobar comoc o Concello pasou de case 7.000 habitantes en 1996 a correr o serio risco de baixar de 5.000 en 2014. Non foi ata 2015 cando se conseguiu estabilizar un padrón que, dende entón, está estabilizado arredor dos 5.500 habitantes». Ademais, Díaz indica que o concello volverá experimentar unha subida de poboación ao longo de 2019, xa que "os datos do Padrón Municipal confirman que seguimos mantendo a tendencia á alza".

Ponte Caldelas experimenta, segundo fontes do Concello, un "problema de vivenda". "A Lama está a suplir a falta de vivenda no noso municipio", asegura o alcalde de Ponte Caldelas, "pois son moitas as persoas que traballan en Ponte Caldelas e alugan en A Lama, dado o déficit de aluguer que existe aquí, onde hai unha lista de espera de 100 persoas para alugar", engade.

Pola súa banda, os concellos de Fornelos de Montes e Cerdedo-Cotobade perderon 24 e 116 habitantes respectivamente, entre 2018 e 2019. A nivel galego a tendencia é totalmente á baixa, xa que se pasou de 2.701.743 habitantes en 2018 a 2.699.499 habitantes a comezos de 2019.

Comentarios