Ponte Caldelas lamenta a "esmola" de 31.000 euros que recibirá da Xunta para os incendios

O goberno local recorda que solicitara 102.000 euros Un terzo do municipio resultara afectado polos lumes do pasado outubro

Unha parroquia de Ponte Caldelas tras os incendios
photo_camera Unha parroquia de Ponte Caldelas tras os incendios. DP

O Concello de Ponte Caldelas lamentou este xoves a, ao seu xuízo, "esmola" que representan os 31.000 euros de axuda concedida pola Xunta para conmpensar os gastos extraordinarios que se produciron polo incendios do pasado 15 de outubro.

O goberno local, integrado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, recordou nun comunicado que reclamara 102.030 euros a resultas dos estragos das lapas no alumeado público, valado e dotacións da Área Arqueolóxica de Tourón, colectores de lixo, firme e sinalización vertical e horizontal de estradas municipais e gastos varios como alugueiro de material.

O municipio, que viu como as lapas queimaban 2.900 hectáreas, un terzo da súa superficie, recibirá en cambio 31.000 euros, segundo lle anticipou o delegado territorial de Xunta, José Manuel Cores Tourís, ao alcalde Andrés Díaz.

O goberno tamén recorda que renunciou a incluír na cantidade solicitada gastos como o das horas extras do persoal ou a reposición de servizos comunais urxentes, como oito quilómetros de mangueiras e elementos do subministro de augas. "Tampouco se repercutiron os gastos polo desenvolvemento das xornadas de mulching e sementeira de centeo, así como a atención ás persoas evacuadas", indicou o goberno local.

"A realidade é que o apoio económico que finalmente se percibe queda, como se agardaba, nunha esmola", explican desde o Concello, quen avanza que "non contribuirá a ningunha liorta partidista" e que dá "por pechado" este capítulo.  "Seguiremos traballando para colaborar na ordenación forestal do territorio", conclúen.

Comentarios