Ponte Caldelas prepara unha segunda mobilización contra o trasvase do Verdugo

O alcalde, Andrés Díaz, asegura que o Concello poñerá autobuses a disposición dos veciños que queiran desprazarse ata a protesta, aínda sen data, en Pontevedra

Manifestación en Ponte Caldelas
photo_camera Manifestación en Ponte Caldelas. DP

Ponte Caldelas planifica unha nova mobilización contra o trasvase dende o río Verdugo ao sistema do Oitavén-Eiras. O goberno local, integrado por PSdeG, AVP e BNG, organizará unha concentración diante da sede da Xunta de Galicia en Pontevedra e poñerá a disposición dos veciños autobuses para facilitar o desprazamento.

O alcalde, Andrés Díaz, asegura que contactará con colectivos sociais e medioambientais de Galicia. O obxectivo, din desde o Concello, será presionar contra Augas de Galicia "por saltarse todos os controis administrativos e sectorais en materia de augas e protección ambiental". Aseguran que a iniciativa é "unha salvaxada ambiental".

Para continuar coa protesta, o Concello abre a vía a actuacións tanto administrativas como xudiciais. Un informe xurídico encargado dende o Consistorio conclúe que a Xunta debe aprobar o proxecto e sometelo a información pública polo que interporán alegacións e, se son admitidas, acudirán á vía contenciosa no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O recurso levará aparellada a solicitude de paralización cautelar.

De executar a obra pola vía de emerxencia, dende Ponte Caldelas interporán un recurso contra a actuación material pola vía dos feitos, solicitando a inmediata paralización das obras diante do xulgado do Contencioso de Pontevedra.

Díaz asocia o problema á “escasísima calidade deste Goberno galego presidido por Núñez Feijoo, que compromete á Administración autonómica con actuacións de dubidosa legalidade”. O rexedor considera que esta obra, valorada en 5,5 millóns de euros para tender 6,6 quilómetros de tubaxes, non pode ser de emerxencia. “Unha obra de emerxencia é a que soluciona un problema existente", di.

Comentarios