Ponte Caldelas reencontrouse coa súa feira máis artesá

Os produtos relacionados co inverno como o mel, os seus derivados ou os tecidos de lá foron o máis demandado da xornada 
Animación musical do recinto e distintos postos nos que paraban os veciños e curiosos, este domingo na feira. D. FREIRE
photo_camera Animación musical do recinto e distintos postos nos que paraban os veciños e curiosos, este domingo na feira. D. FREIRE

"Xornada distinta, pero boa". Así definiu este domingo Arantxa Esperón, da asociación organizadora da Feira de Artesanía de Ponte Caldelas, o resultado do primeiro mercadiño celebrado na vila do Verdugo despois do parón provocado pola pandemia.

A Feira da Artesanía acadou a súa quinta edición este domingo nun día no que ata 30 expositores acudiron aos postos, ubicados nunha gran carpa na Praza de España, e no que, pese a que en todo o municipio so hai unha persoa contaxiada de covid-19 segundo os datos do Sergas, non faltaron medidas de prevención, como un circuíto con entrada e saída dentro da carpa e unha dirección única para os visitantes, así como as máscaras e o xel hidroalcólico.

A pesar de que o parón da covid en 2020 si se notou, a xente tiña gañas de voltar a encontrarse cos e as artesáns de proximidade e iso traduciuse en vendas, en especial para algúns dos sectores.

"Sempre hai resultados desiguais, pero en xeral todos dixeron que fora ben e moitos deles, que tiñan gañas de volver despois desta experiencia", indicou Esperón, que está ao cargo da asociación Das Miñas Mans. Entre os máis demandados da xornada, o mel de Liñares e os produtos artesáns elaborados no posto de apicultura, pero tamén outros agasallos e obxectos elaborados a man vinculados co inverno, de xeito que os tecidos de lá e as prendas de abrigo foron unha das existencias máis demandadas.

Os visitantes puideron demandar ou apreciar obxectos tallados de vidro, madeira tallada, cerámica, todo tipo de complementos de bisutería, bolsos, esculturas feitas con area, marionetas, xoguetes de madeira, xabóns naturais, coiro, debuxos, exposición de minerais e tamén esculturas de madeira talladas con motoserra a cargo do artista Marcos Mariño.

A carpa contou con animación musical e afluencia fluida toda a xornada. A organización di que o público "foi tímido" e segue "algo reticente a saír" despois da crise sanitaria, pero valora como boas as vendas e tamén a asistencia.

Comentarios