Ponte Caldelas renuncia finalmente á bandeira azul por falta de socorristas

O Goberno local comunicou a decisión este venres a Adeac, logo de emitir ata seis ofertas de emprego para a praia fluvial da Calzada
Playa fluvial de A Calzada. DAVID FREIRE
photo_camera Praia fluvial da Calzada. DAVID FREIRE

Na praia fluvial da Calzada non ondeará a bandeira azul outorgada este ano por Adeac. O Goberno local de Ponte Caldelas renunciou finalmente ao distintivo, logo da imposibilidade de levar a cabo a contratación do persoal de salvamento requerido para poder izala, tras emitir ata seis ofertas de emprego público.

Así llo comunicou o pasado venres o Goberno caldelá ao organismo que outorga cada ano os distintivos. A "falta de socorristas", aseguraron dende o Concello, é unha cuestión que "lle aconteceu a moitos concellos galegos de todas as cores políticas", valoraron. Neste sentido, explicaron que "Adeac agradeceu a nosa honestidade e sinceridade, entendendo que a falta de socorristas é unha problemática que afecta a toda Galicia".

A decisión adoptada polo Goberno de Andrés Díaz centrou as críticas do Partido Popular de Ponte Caldelas, que considerou "unha irresponsabilidade desistir na procura de socorristas" para suplir aos tres traballadores que, nun principio, ían asumir os traballos. Neste sentido, valoraron os "populares", a praia da Calzada é "a primeira de España destas características" con bandeira azul, que "non poderá lucir por segunda vez dende que no 2015 esta insignia de calidade medioambiental da UE se conseguira no último Goberno do PPdeG".

A PLENO. Os edís do PPdeG anunciaron que levarán a súa queixa ao vindeiro Pleno que a Corporación Municipal celebre a finais deste mes e pedirán "responsabilidades" ao grupo de Goberno "pola súa falla de previsión e a nefasta xestión de Andrés Díaz". Os populares salientaron que "resulta especialmente chamativo que á renuncia dos tres socorristas que foron contratados polo Concello de Ponte Caldelas se sume a marcha tamén das dúas auxiliares de Policía Local".

O PPdeG levará tamén a Pleno a necesidade dunha "actuación decidida por parte do equipo de Goberno" para "devolver o coidado e promoción" á Área Arqueolóxica de Tourón e á Pedra do Cervo.

Comentarios