Ponte Caldelas revive a fonte de Dan e converte o pozo en piscina

Os traballos executados durante esta semana restableceron o manancial, que fora dado por perdido
A obra en Baltar. CEDIDA
photo_camera A obra realizada en Baltar. CEDIDA

Un pozo convertido en piscina, un lavadoiro recuperado e unha fonte que volve á vida. É o resultado dos traballos que o Concello de Ponte Caldelas levou a cabo durante as dúas últimas semanas na coñecida como Fonte de Dan, situada no lugar de Baltar, xunto aos seus elementos anexos.

Trátase dunha obra solicitada pola veciñanza do lugar que, tal e como explicaron dende o Goberno local, xa daban por perdida a mina de auga dende fai anos. Pero, grazas aos traballos, a auga volveu emanar neste espazo, que agora recuperará o seu lugar como punto de encontro da veciñanza, algo que se quere fomentar co acondicionamento do pozo de regadío para que poida empregarse como piscina durante o verán.

Os traballos realizados consistiron no empedrado do acceso á fonte e ao lavadoiro xunto á separación das dúas zonas, permitindo así un acceso máis cómodo e seguro para a recollida de auga, onde se incorporou tamén un paso de escaleira. Por outro lado, pintáronse as barandas do pozo de regadío e colocouse unha nova no acceso á fonte. Instaláronse tamén billas para poder abrir e pechar a agua tanto na fonte, como no lavadoiro, así como na saída do pozo de regadío, ademais de encintarse toda a pedra para evitar fugas, e pintar de azul o chan do pozo de regadío, a modo de piscina. Precisamente, este uso como piscina comunitaria era tamén unha demanda veciñal. Nos vindeiros días instalaranse uns bancos no entorno do pozo para facilitar o descanso e o encontro entre os veciños.

Comentarios