Pontón louva o labor de Sobral e impulsa o relevo de Caldas

A presentación da candidata serviu tamén para homenaxear ao rexedor
                      O alcalde, Luciano Sobral, a voceira nacional, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións, Marga Caldas.
photo_camera O alcalde, Luciano Sobral, a voceira nacional, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións, Marga Caldas. DP

"Unha persoa que foi capaz de transformar este municipio, comprometida con este concello e con Galiza e un exemplo do bo facer dos gobernos municipais do BNG". Con estas palabras, a voceira nacional, Ana Pontón, quixo render este domingo homenaxe ás case tres décadas de traxectoria do actual alcalde de Poio, Luciano Sobral, empuñando o bastón de mando do municipio, durante o acto de presentación da candidatura de Marga Caldas, que toma o relevo de Sobral, e que tamén se converteu nun sentido homenaxe para este.

Pontón non dubidou en vaticinar que Caldas "será a próxima alcaldesa de Poio", definíndoa coma "unha muller con experiencia e capacidade, que aporta novas ilusións e ganas renovadas, que coñece moi ben a xestión do día a día do municipio, cun proxecto para seguir mudando Poio en positivo", asegurou.

Segundo a voceira, este é, precisamente, "o obxectivo do Bloque" de cara á cita coas urnas nas eleccións locais de 2023, "unha cita moi importante, na que o BNG será a forza política que máis medre ao longo e ancho do país". Neste sentido, referiuse ao BNG como a forza que debe liderar a alternativa a un Partido Popular "empeñado en seguir atacando aos servizos públicos", e ao que lle demandou que "retire a disparatada ocorrencia de deixar os PAC sen persoal médico".

Para a candidata, este paso adiante relevando a Sobral supón un "orgullo", xa que "el representa o proxecto do BNG en Poio, a todas as mullere e homes que loitamos por sacar adiante este concello, por transformalo para mellor, e hoxe desde esa base sólida que deixan os anos de goberno liderados polo noso compañeiro imos seguir traballando, porque demostramos que sabemos facer ben as cousas como se aprecia no profundo cambio que a acción de goberno do Bloque logrou neste municipio", asegurou, prometendo tamén "un novo impulso" de cara ao futuro.

Pola súa parte, Sobral trasladou todo o seu apoio a Caldas para que "sexa a primeira muller alcaldesa da historia deste concello" e confensou que o relevo "é moi emotivo" tras tantos anos na primeira liña.

Comentarios