Pontón ve en Lourenzo o candidato capaz de "construír un novo Soutomaior"

A portavoz nacional do BNG confía en cambiar "un Goberno local tapón e lastre"

O acto desenvolveuse no pavillón polideportivo de Arcade. RAFA FARIÑA
photo_camera O acto desenvolveuse no pavillón polideportivo de Arcade. RAFA FARIÑA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este venres no acto de presentación do candidato á Alcaldía de Soutomaior polo seu partido, Manu Lourenzo, do que dixo que "estou segura será o próximo alcalde nacionalista".

Nun acto celebrado no pavillón de Arcade, no que tamén estiveron presentes concelleiros e responsables do grupo municipal, Pontón salientou o traballo do BNG nos últimos catro anos e afirmou que este traballo "é o mellor aval para que a equipa do BNG e Manu Lourenzo, como alcalde, convertan o concello nun Soutomaior novo". Para a portavoz nacionalista, a vila conta con "enormes potencialidades" desaproveitadas por un Goberno local "tapón e lastre". Neste sentido, sinalou que "o 26 de maio temos a oportunidade de cambiar de rumbo", cun proxecto e equipo "con ganas de dar o mellor de cada un e cada unha para conseguir que o concello teña unha gran calidade de vida".

Tras destacar a "ilusión, honestidade, preparación e ganas de traballar de todas as persoas que conforman a candidatura do BNG", o aspirante á Alcaldía afirmou que "somos a única alternativa" para evitar un novo triunfo do PP.

Lourenzo lembrou que nas pasadas eleccións "quedamos ás portas do goberno" e agora aposta por un proxecto que se baseará na "enérxica defensa dos sectores produtivos, a ría, os bancos marisqueiros e, sobre todo, en vertebrar un concello coas mellores condicións para os nosos veciños e veciñas", aseverou.

Comentarios