O porche da Galiña Azul, principal demanda para o futuro

O Consorcio de Benestar financia reformas na escola por valor de 20.000 euros

A mellora do porche de entrada á escola infantil A Galiña Azul de Poio será un dos próximos obxectivos nos que se enfocará o Concello, tras acometer reformas nas instalacións do centro por un valor de "en torno aos 20.000 euros", que pasaron pola renovación do patio exterior e pola mellora de parte das instalacións interiores, a través dun convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia. Así o explicaron o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, este venres durante unha visita ao centro, xunto ao xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez.

Rodríguez, que aproveitou a visita para informar ao persoal da escola sobre a aplicación da gratuidade para os segundos fillos e sucesivos nas escolas autonómicas, que se aplicará a partir do 1 de abril, sinalou a disposición da Xunta de Galicia de "seguir colaborando co Concello de Poio e ir facendo planificacións de acordo ao que vaia medrando a poboación do municipio". Algo que, segundo sinalou o alcalde, é unha realidade, polo que o Concello agarda que nun futuro Poio "poida contar con outra escola máis".

CAMPO LAMEIRO. Por outra banda, o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, acordaron acometer melloras no sistema de calefacción e obras na Escola Infantil Galiña Azul deste concello, con cargo ao fondo de compensación. Os traballos que se acometerán faranse en base a unha memoria valorada que están preparando os servizos técnicos municipais e que recollerán investimentos para instalar unha nova bomba de calor, así como o peche cunha cristaleira dunha zona de paso, e outras necesidades demandadas tanto polos responsables do centro escolar coma polos pais e nais do alumnado.

Comentarios