Portos estuda dotar de novos atraques ao peirao de San Adrián e dialoga con Poio

Susana Lenguas e Luisa Piñeiro reuníronse para avaliar as necesidades portuarias na provincia
Susana Lenguas e Luisa Piñeiro visitaron a zona portuaria de San Adrián xunto co alcalde e varios representantes. DP
photo_camera Susana Lenguas e Luisa Piñeiro visitaron a zona portuaria de San Adrián xunto co alcalde e varios representantes. DP

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro abordaron este luns as necesidades portuarias da Provincia de Pontevedra, e anunciaron que o ente autonómico estudará posibilidades para a dotación de novos atraques no Peirao de San Adrián de Cobres, en Vilaboa, ademais de establecer vías de colaboración co Concello de Poio para a remodelación e mellora da zona portuaria de Raxó-Covelo.

Lenguas e Piñeiro visitaron a zona portuaria de San Adrián de Cobres durante a mañá do luns, tras manter unha reunión de traballo na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra para realizar unha primeira avaliación da provincia que, segundo indicaron, "irá cobrando forma ao longo dos próximos meses" co fin de "mellorar estas infraestruturas e obter toda a súa potencialidade". No caso de Vilaboa, ambas representantes do Executivo autonómico mantiveron un encontro co alcalde, César Poza e representantes municipais, así como da confraría de pescadores de Vilaboa e dos bateeiros da zona, no que se lles trasladou unha proposta de ampliación de prazas de amarre para o porto. Neste sentido, Lenguas, avanzou que os servizos técnicos de Portos avaliarán esta proposta e definirán a súa viabilidade "en función da demanda de atracada da que se ten constancia a día de hoxe". Lenguas tamén trasladou a vontade do organismo portuario de "dar unha solución" ás demandas dos bateeiros que traballan na zona dos portos de Vilaboa e de Domaio. Pola súa banda, Piñeiro destacou o apoio da Xunta ao sector marítimo-portuario de Vilaboa e da comarca do Morrazo e insistiu en que "os técnicos da Administración autonómica traballan na procura da solución máis eficiente para as súas necesidades".

EN POIO. Ambas representantes do ente autonómico mantiveron tamén, durante a mañá do luns, unha reunión co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e co concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, tras a que anunciaron que se establecerán e analizarán "distintas vías de colaboración co Concello" para a remodelación e mellora da zona portuaria de Raxó-Covelo e, en xeral, para o "desenvolvemento de actuacións nesta materia" no municipio.

A reunión chega despois de que hai arredor dunha semana Portos continuara a instalar unha serie de pequenas balizas ao longo do porto de Raxó, unha actuación que provocou novamente as críticas veciñais por "non resolver a problemática da zona", na que durante o verán polo menos dous automóbiles se precipitaron ao areal, debido á estreitez da rúa. Ambas partes acordaron celebrar un próximo encontro no que se debaterán as posibilidades e os inconvintes das distintas alternativas de actuación conxunta nos portos de Poio, logo de que a Xunta de Galicia xa acometera, nos últimos anos, as obras prioritarias do proxecto deseñado hai unha década de acordo co Concello.

Raxó-Covelo. Portos promete "desatascar" a obra
A reunión mantida entre Portos de Galicia e o Concello de Poio a fin de tratar a situación da zona portuaria de Raxó-Covelo saldouse satisfactoriamente entre ambas partes, que coinciden no seu compromiso por "avanzar no desenvolvemento destas obras", unha demanda histórica da veciñanza da zona.

Pola súa parte, a presidenta de Portos, Susana Lenguas, comprometeuse a estudar "todas as opcións e alternativas agora que coñecemos con exactitude o posicionamento do Concello, e imos ver todas as vías para desatascar a mellora da zona portuaria de Raxó-Covelo do xeito máis acaído aos intereses dos veciños". Lenguas asegurou que "queremos o mellor para esta contorna tan importante da nosa rede portuaria e hoxe conseguimos que haxa unha vía de colaboración que consideramos fundamental".

Dende o Concello, Sobral e Agís valoraron "satisfactoriamente" o encontro e amosaron a vontade do Concello de "colaborar na realización de actuacións, sempre que resulten asumibles para a Administración local".

Comentarios