"Poxas", churrasco e música na honra da Virxe das Neves

As festas de Loureiro contarán unha gran churrascada e unha verbena amenizada polo grupo La Noche e o coñecido trío 3.COM
Jorge Cubela e Miguel Ángel García co cartel das festas
photo_camera Jorge Cubela e Miguel Ángel García co cartel das festas. C. CERDEDO-COTOBADE

Coa chegada do mes de agosto iníciase a recta final do verán, e con isto, comezan as tan queridas en Galicia, festas patronais. Tras dous anos de parón pola pandemia, nótase que veciños e visitantes están con ganas de troula, e que mellor que unha verbena galega. O Concello de Cerdedo-Cotobade leva semanas anunciando, xunto coas respectivas Comisións de Festas, multitude de programas lúdico-festivos que terán lugar esta e as vindeiras semanas.

Nesta ocasión o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o presidente da Comisión de Festas de Loureiro, Miguel Ángel García González presentaron o programa festivo na honra da Virxe das Neves que terá lugar nesta parroquia os vindeiros días sábado seis e domingo sete de agosto.

As festas iniciaránse o sábado seis de agosto ás 21,00 horas cunha misa e tras este acto litúrxico os veciños procederán a facer as populares "poxas" nas que se subastarán diversos productos doados polos devotos á virxe. A continuación, ás 21,30 comezará a repartirse unha gran churrascada para compartir entre todos aqueles que se acheguen ata o campo da festa de Loureiro.

Tras o parón pola pandemia a parroquia de Loureiro recupera as festas na honra da Virxe das Neves e as súas famosas "poxas"

A xornada festiva deste sábado rematará cunha verbena, que comezará á noitiña, e estará amenizada polo grupo La Noche de O Grove e o coñecido trío 3.COM.

Por outra banda, o domingo 7 de agosto, a xornada estará amenizada coas alboradas do grupo folk Os Trazantes de Tenorio que porán a nota musical e animarán á veciñanza a acudir ás 13 horas á misa solemne que terá lugar na igrexa parroquial.

Finalmente, o alcalde Jorge Cubela, felicitou aos membros da Comisión de Festas por manter activas as "poxas", por organizar unha churrascada para toda a veciñanza e aquelas persoas que se acheguen ata o campo da festa de Loureiro e, tamén, por ofrecer aos veciños e veciñas actividades para todos os gustos.

Comentarios