O Concello de Vilaboa quixo converter o acto de inauguración do Forno do Cal, celebrado onte a mediodía, nunha gran homenaxe á parte da historia do municipio que representa este recuncho e ás persoas que traballaron nesta actividade na primeira metade do século pasado na ensenada da ría de Vigo.
Cerca dun centenar de persoas acudiron a un acto cargado de emotividade que o propio alcalde, César Poza, definiu como "o comezo da recuperación do litoral do municipio de Vilaboa".
No acto, desenvolto coa ría de Vigo como escenario, déronse cita moitos veciños e veciñas vinculados por motivos familiares ou pola súa propia historia persoal co Forno do Cal. A edil de Dinamización Económica, Carmen Gallego, exerceu de maestra de cerimonias, mentras que o alcalde, César Poza, foi o encargado de explicar os detalles do proceso de recuperación e tamén dos agradecementos.
Máis aló diso, Poza aproveitou o momento e o lugar para explicar que o eixo do traballo do seu equipo é e será, conseguir recuperar toda a liña do litoral de Vilaboa para o goce dos veciños e veciñas e os visitantes. "Este é o inicio dun soño que teño como alcalde e que espero acadar algún día, que é recuperar todo o borde litoral do noso concello para o uso e goce da cidadanía, que poida a pé ou en bicicleta percorrer o camiño do cal ao sal, é dicir, conectar a Ponte de Rande con Paredes pola costa, para que todos poidan gozar das fermosas e incomparables paisaxes que Vilaboa ofrece neste recuncho da ría de Vigo", explicou,
A recuperación do Forno do Cal supón un chanzo moi imporante nese percorrido. Nos traballos investíronse fondos europeos, do Estado, da Xunta e do Concello, a través do Galp Ría de Vigo. O investimento total foi de 120.000,00 euros, aportando o Concello 27.000 euros.
Poza agradeceu a colaboración da Comunidade de Montes de San Adrián coa cesión de terreo para a mellora da contorna, e extendeu este recoñecemento á Confraría de Pescadores, á Asociación de Mulleres de Vilaboa e ao colexio de Riomaior. Tivo tamén palabras de agradecemento da empresa Pesca Puerta, que cedeu o uso ao Concello e anunciaron unha visita ao Forno do Cal o vindeiro mes de marzo. O alcalde destacou tamén o papel dos alumnos e alumnas do CPI O Toural, que en colaboración co Museo Etnográfico de Ribadavía coa recollida de testemuños e datos achegados xenerosamente pola veciñanza para poder realizar tamén os paneis interpretativos do centro que ademais se poden descargar como códigos QR.