Pozovello, a irmandade arcadense

 A Asociación Veciñal e Cultural Pozovello, nacida de Arcade de Riba, realiza ao longo do ano unha multitude de actividades destinadas a crear lazos entre os veciños asociados e a que a cultura local non se dilúa no tempo
Dende abril, varios integrantes da asociación participaron nun taller de espantallos nos que elaboraron figuras realizando actividades diversas. En total, 55 espantallos son exhibidos na Rúa Arcade da Riba ata setembro, onde destaca este conxunto que representa aos participantes do obradoiro. JAVIER CERVERA
photo_camera Dende abril, varios integrantes da asociación participaron nun taller de espantallos nos que elaboraron figuras realizando actividades diversas. En total, 55 espantallos son exhibidos na Rúa Arcade da Riba ata setembro, onde destaca este conxunto que representa aos participantes do obradoiro. JAVIER CERVERA

En Arcade da Riba sempre están argallando algo. E todo é cousa dos veciños que pertencen á Asociación Pozovello, unha das máis activas de todo Arcade. Oficialmente levan fundados dende 2015, pero en realidade levan facendo proxectos dende moito antes. Así o conta Daniel Álvarez Raña, o presidente dende o minuto un. "Catro veciños decidimos limpar Porta Regueira porque aquilo antes era un vertedoiro. Pero un día de moita chuvia algunha terra da que movemos caeu cara a finca duns veciños que nos chamaron a atención. Para que as culpas das nosas meteduras de pata non recaeran sobre persoas físicas, senón sobre unha entidade, decidimos fundar a asociación".

Espantallos exhibidos na Rúa Arcade da Riba. JAVIER CERVERA

A pesar de chamarse Pozovello, esta agrupación acolle a máis xente que a que vive no barrio. "Non hai que ser daquí para ser parte da asociación, porque só somos 10 ou 12 veciños", asegura Daniel. O nome, polo tanto, só marca o lugar de nacemento, pero en realidade calquera é benvido para inscribirse e colaborar. "Non tería moitos dereitos, igual ca nós, porque ingresos na asociación non temos moitos, xa que cunha cuota anual de 5 euros non dá para nada. Pero cando facemos algo pode participar".

Ao longo do ano a asociación leva a cabo unha morea de actividades. A maioría delas tentan poñer en valor a cultura galega e as tradicións da comunidade, procurando así que non se dilúan da memoria colectiva co paso do tempo. Un exemplo claro é o curso de toponimia que realizaron a principios deste ano e que aínda non rematou, co que recuperaron o nomencláto dalgúns lugares da zona dos que xa só se acordaban os veciños de maior idade. "Fixemos un plano aéreo da zona no que fumos ubicando o nome dos lugares. Fáltanos agora plasmalo nun taboleiro cunha fotografía onde se sitúen os espazos cos seus respectivos nomes", comenta Raña.

Outra das iniciativas que levaron a cabo recentemente foi o obradoiro de espantallos. Daniel conta que a idea xurdiulle a raíz dunha visita á Lama, onde tivo a oportunidade de ver o concurso de espantallos que pon en marcha a Asociación Cultural Río Barbeira. "Como estaba a buscar algunha idea para facer un curso, e ademais era tempadada de plantar o millo, decidímonos polos espantallos porque é algo que pode facer calquera", conta. E así foi como cada venres se xuntaban e ían armando estes peculiares monicrecos, que logo colocaban por Arcade da Riba facendo unha morea de actividades. Co que non contaban era con que a iniciativa recibira tanto recoñecemento popular; tanto que chegou a aparecer en varios medios de comunicación.

Recorda Álvarez que "nunha destas veces veu un xornalista da TVG. Cando acabou o seu traballo mandámoslle unha foto de todos os que participamos, e mirándoa ocurríuseme que podiamos facer unha imaxe parecida e logo replicala con espantallos, coa mesma roupa, as mesmas posturas e todo". Dito e feito. Durante dúas semanas fixeron os 21 espantallos que conforman a comitiva, e que colocaron nunha veiga xunto coa foto orixinal, para que calquera que pase poida facer as comparacións, que desta vez, non son odiosas. A día de hoxe, as persoas que suban pola estrada que vai dende o Padín Truiteiro cara o cruceiro de Negueirós poderán desfrutar dun pequeno museo ao aire libre con todas estas creacións, que polo menos permanecerán aí ata despois da Baixada de Carrilanas.

Outra das súas iniciativas máis sonadas, e que cada ano cobra máis relevancia nos medios locais, é a Cidade de Nadal que montan en Porta Regueira, e que está inspirada nas decoracións de Allariz. Daniel non ten boa memoria para as datas, pero cre recordar que a primeira vez que a organizaron foi no 2015. "Pedín unha motoserra e uns troncos e púxenme a facer figuras, e cando mandei as fotos foise sumando xente e empezamos a facer varias esculturas. O primeiro ano puxemos catro de madeira e unha árbore bastante aparatosa. Aquela primeira vez tivo algo de repercusión, empezou a vir xente e claro, vaste animando. Ao seguinte ano decidimos que había que amplialo e empezamos así, unha cousa de broma", recorda. Teñen pensado empezar cos preparativos da Cidade de Nadal deste ano en setembro, unha vez remate a Baixada de Carrilanas.

Se xa se mencionaron dúas veces neste artigo as carrilanas é porque é algo gordo na contorna. É unha actividade que leva xa uns cantos anos celebrándose –máis dos que ten a asociación– por impulso dun dos membros, Álvaro Vergara, que foi quen as trouxo a Soutomaior. "Ao principio eran organizadas por nós como persoas físicas, pero era un lío porque se había un problema quen cargaba con toda a responsabilidade era esa única persoa", recorda Álvarez Raña. Cando a asociación se fixo cargo da competición, pasárona da Montesiña a Arcade da Riba. Este cambio implicou moitas cousas: non só unha mellora importante das medidas de seguridade para os participantes e o público, senón que tamén pasaron a ser unha das pistas máis importantes da Copa Galicia de Deportes de Inercia, xa que o seu longo e sinuoso trazado permite aos corredores chegar nalgún punto ata os 96 kilómetros por hora. Agora é un evento que en cada edición suma máis e máis fans.

Recentemente veuse de publicar o programa para a Baixada de Carrilanas deste ano, que conta coa colaboración do Concello de Soutomaior e das Federacións Galega e Asturiana de Deportes de Inercia para todo o tema organizativo. Os sábados 12, 19 e 26 de agosto celebarase un taller de carrilanas na Nave de Madeiras Raña para todos aqueles que queiran participar na Baixada, que terá lugar o sábado 2 de setembro. Ese día, a partir das 11.30 serán os adestramentos, pero as baixadas oficiais serán a partires das 16.30 horas. Xa pola noite, ás 21.30 horas, celebrarase a entrega de premios, e de seguido, ás 22.30 horas, o grupo Monoulious D.O.P. ofrecerá un concerto. Os asistentes poderán desfrutar tamén dunha zona gastronómica e de dous aparcamentos, un no Campo de Salgueirón e outro no Restaurante Casas.

Outro dos eventos que é xa un clásico imperdible entre os veciños é a celebración das festas da patrona a Virxe do Carme, e que se realiza no mes de xuño. Ademais da procesión e dunha pequena verbena que se monta xunto o cruceiro de Negueirós, algúns membros tamén se encargan duha ofrenda en forma de alfombra florar á santa. "Tamén montamos un arco polo que pasa a virxe, que está feito de ferro e que cubrimos de verde", afirma Daniel. Engade que "a nosa alfombra é moi sinxeliña, non podemos competir con ningunha outra, pero facémolo por xuntarnos. Poñémonos a recordar coma se tiveramos 18 anos, sentados no chan mentras facemos as alfombras". O certo é que as festas do Carme non son un gran reclamo como poden ser outros eventos do concello, como a Festa da Ostra, pero sérvelle á asociación e aos veciños para manter viva unha pequena chama de tradición local antes de que se extinga por completo. 

A Asociación Pozovello tamén colabora con outros colectivos –as comunidades de montes de Arcade e de O Viso e a Asociación Cultural Alén Nós, do concello de Redondela– para levar a cabo a Festa do Fachos, que foi collendo impulso nos últimos tempos. Trátase dunha especie de ritual pagano na que unha comitiva sube ata a cima do monte da Peneda, situado entre os concellos de Soutomaior e Redondela, con fachos prendidos, cando xa está ben entrada a noite. Arriba, e ante unha sobrecolledora imaxe dos concellos da contorna baixo a luz da lúa, unha enorme pira é prendida e conxúranse varias queimadas. A última edición –a número XXVI– celebrouse o pasado mes de xuño e xuntou a préto dun milleiro de persoas.

Pero para esta asociación non é todo troula. Da man da Festa dos Fachos, Pozovello e Alén Nós presentaron un escrito o pasado xullo ante os seus respectivos concellos para pedir máis protección e impulso para o monte da Peneda, unha xoia que parece permanecer só visible ante os locais. Álvarez di: "Os que somos de Arcade e Redondela vemos que temos a Peneda aí, que é un emblema, e é unha pena que non se aproveite. Con esa capela, con ese monte e con esas vistas noutro sitio farían moitas cousas. Non se precisa moito diñeiro para adecentala, pero o problema é que ao estar entre dous concellos é máis complicado. Nós intentamos aproveitar o tirón dos Fachos para facer ruído porque é unha pena". Dende estas asociacións piden "dárlle vida" ao monte adecentando as súas instalacións e cambiando as especies arbóreas invasoras por outras autóctonas. Tamén avogan por unha posta en valor de toda a historia que esconde aquel lugar, que non é pouca. Ademais da Ermida da Virxe das Neves, alí atopáronse restos dun asentamento castrexo, e foi o emprazamento do castelo de Castrizán, entre outras cousas.

Todas estas accións que emprenden dende a Asociación Pozovello gardan varios obxectivos: a posta en valor da cultura galega, o restablecemento de antigas tradicións ou a dinamización dunha zona rural; pero as actividades que Daniel Álvarez explica veñen acompañadas dunha motivación que é a principal entre o resto: compartir tempo de calidade e fortalecer os lazos entre os veciños de Arcade da Riba. "Ao final con catro cousas podes facer moito, e o que fas sobre todo é un pouco de convivencia, ben común, xuntar á xente e poder falar. Co que te quedas cando fas estas cousas é co de pasar tempo cos teus cos veciños. Iso é o bonito".

Comentarios