O PP achega novas fotos de camións da recollida de Poio prestando o servizo na Illa e Marín

Os populares recalcan que os veciños de Poio pagan a taxa de lixo máis alta de Pontevedra mentres os camións do servizo municipal "están noutros concellos"

Unha da imaxes do PP - Camión de basura de Poio prestando su servicio en la Illa de Arousa
photo_camera Unha da imaxes do PP. DP

O PP de Poio bótalle máis leña ao suposto escándalo do mal uso dos camións do lixo deste concello coa achega de novas fotografías de vehículos de recollida adscritos en exclusiva a Poio prestando servizo na Illa de Arousa e en Marín. As imaxes foron tomadas durante esta semana, segundo a formación conservadora.

Para o voceiro popular de Medio Ambiente, Tucho Muíños, "o escándalo continúa e cada vez é máis grave". Muíños lembrou que a primeira denuncia por estes feitos provén do mes de abril, "e sete meses despois segue o compadreo de Sobral coa empresa, pagado polos veciños".

Muíños recalcou que mentres os veciños de Poio pagan a taxa máis alta de Pontevedra, con 122 euros por un servizo que nalgunhas zonas préstase unha ou dúas veces á semana, os camións do servizo municipal "están noutros concellos coas placas tapadas para intentar enganar".

Muíños afirma que a empresa "tapa agora a simboloxía do Concello de Poio mediante placas imantadas nos vehículos que están dando servizo fóra to termo municipal". Pese a esta técnica, os números de matrícula "non os poden tapar", polo que non poden agochar que están incumprindo o contrato. As fotografías feitas públicas polos populares amosan un camión do servizo de Poio realizando labores de recollida nocturna na Illa de Arousa. O camión, con placa 8258-JLD, foi localizado nos últimos días. O PP lembra que os feitos que denuncia están "expresamente prohibidos polo contrato".

Ademais dos 800.000 euros anuais do acordo mercantil con Valoriza, Poio tivo que encargar unha asistencia técnica por 13.000 euros para controlar o cumprimento das condicións. Tamén se creou unha comisión de investigación para este asunto que aínda non sacou ningunha conclusión, segundo o PP.

Comentarios