jueves. 24.06.2021 |
El tiempo
jueves. 24.06.2021
El tiempo

O PP estará na Mesa pero "non será cómplice" dun PXOM "cheo de pelotazos"

Ángel Moldes e Rocío Cochón, na sede dos populares en Poio. DP
Ángel Moldes e Rocío Cochón, na sede dos populares en Poio. DP
Rocío Cochón e Ángel Moldes pediron que se cree un protocolo de información á veciñanza 

"Un PXOM cheo de pelotazos, pero sen amosar os papeis". Así calificou este venres a edil de Urbanismo do Partido Popular de Poio, Rocío Cochón, o Plan Xeral de Ordenación Municipal que o Goberno local vén de desempoar, e para o que convocou unha Mesa de traballo que se reunirá o vindeiro 11 de maio, co obxectivo de dar forma ao documento. Neste sentido, os populares anunciaron que sí participarán na Mesa, pero farano con reservas. "O Tripartito quere utilizar aos concelleiros do PP como cómplices e isto non vai pasar. Imos estar na Mesa por responsabilidade, pero tamén coa máxima atención e a confianza mínima", advertiu a popular, ante a perspectiva de aprobar o que definiu como "un PXOM cheo de pelotazos, pero sen amosar os papeis". 

A redacción do novo PXOM de Poio foi licitada en 2008 e "dende entón figuraba en todos os pactos de Goberno do Bipartito, en 2011 e 2015, e no do actual Tripartito, en 2019", lembrou a edil popular. "Trece anos, case medio millón de euros investidos, e nin sequera amosaron un papel, nin aos veciños nin á oposición". Neste sentido, o Partido Popular, despois de ir ao Valedor do Pobo, conseguira un documento de avance do novo PXOM na Xunta, no ano 2010, que os populares xa difundiran nese momento e no que, asegurou o voceiro, Ángel Moldes, "sorprendeunos que nas zonas sen servizos pasase a haber urbanizacións". En base a este documento, e con vistas a "constatar se o que nel observamos segue sendo así", os populares advirten que "en vez de intentar que medren zonas que xa son urbanas créanse outras novas onde non hai nada. O sorprendente é que coincide con que hai unha serie de persoas que, antes de ter este documento, hai anos dedicáronse a mercar eses terreos. A grande dúbida é se é unha casualidade que persoas que non teñen relación cos terreos os mercaran, ou tiñan unha información privilexiada e en base a iso mercáronos a prezos irrisorios, polo que con este documento van ter terreos para futuras construcións ou que van valer máis do triple", explicou o voceiro do PP, Ángel Moldes.

Así, os populares manteñen a teoría de que "o PXOM xa está feito e isto é un paripé. O que buscan é branquear o documento e aprobar un PXOM que debe ser o que máis pelotazos urbanísticos ten de toda Galicia. Pedímoslle ao Goberno local que se reúna cos colectivos e lles expliquen o documento máis importante que se aproba nun Concello e que vai afectar a persoas e empresas. Non nos serve que despois haxa unha fase na que os veciños poidan consultalo, unha vez que empece a vindeira semana a comisión deberían crear un protocolo de reunións cos veciños", valorou Moldes. "A dúbida é se ao alcalde Sobral lle van deixar abandonar a política sen ter aprobado este documento, que lle soluciona a vida aos amigos do Tripartito", dixo.

O Concello responde: "Se ten constancia de irregularidades que vaia ao Xulgado"
O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, tildou ao voceiro popular, Ángel Moldes, de "irresponsable" logo das "graves acusacións realizadas sobre o PXOM". Segundo valorou Agís, "isto vén a demostrar que o verdadeiro interese do PP local é dinamitar calquera tipo de avance do plan. Non hai predisposición a colaborar ou facer achegas pola súa banda. Era algo que sospeitabamos vendo a actitude dos populares, tanto no Pleno no que se aprobou a creación da Mesa do PXOM, como na Comisión de Urbanismo que serviu para impulsar a súa posta en marcha, precisamente co obxectivo de que todos teñamos as mesmas oportunidades á hora de participar neste proceso. Pero o PP xa quere boicotealo antes de comezar", indicou.
O titular de Urbanismo esixiu ao PP que "aclare esas acusacións sobre supostos pelotazos urbanísticos" aos que se referiu o venres. "Parécenos dunha gravidade enorme que un representante político se dedique a realizar este tipo de afirmacións sen fundamento. Se Ángel Moldes ten constancia de irregularidades, o que ten que facer é acudir ao Xulgado, pero o único que quere é confundir á veciñanza, amosando unha falta de ética impropia dun membro dunha Corporación". 

O PP estará na Mesa pero "non será cómplice" dun PXOM "cheo de...
Comentarios
ç