O PP leva os problemas coa auga na Caeira e Boavista ante a Valedora do Pobo

Nos últimos anos o grupo municipal presentou "máis dunha ducia" de iniciativas ante o Goberno local
photo_camera Membros do PP deron conta da denuncia na rúa Illa de Tambo DAVID FREIRE

"Non é normal que nunha zona urbana haxa avarías constantes, falta de presión ou cortes no servizo. E a propia empresa informa de que hai que repoñer totalmente as tubaxes". Así denunciou durante a mañá deste xoves o voceiro do PP poiense, Ángel Moldes, a problemática existente co subministro da auga nas zonas da Caeira e Boavista en especial, e tamén noutros lugares do concello, unha queixa que agora chega á Valedora do Pobo ante "as continuas negativas do Goberno local a solucionalo".

Moldes manifestoou que nos últimos anos o grupo municipal do PP presentou "máis dunha ducia" de iniciativas que abordan a problemática da auga, entre rogos e preguntas en Comisións, interpelacións e mocións nos Plenos da Corporación, se ben afeou que, ademais de "non facer nada", o Goberno local ten votado "en contra" nunha problemática que afecta aos servizos básicos da veciñanza.

O voceiro popular lembrou que o Concello "é o responsable de proporcionar servizos básicos á veciñanza pero en Poio, despois de 27 anos gobernando os mesmos, máis de 2.000 veciños están sen auga ou saneamento". Nste sentido, Moldes agarda que "con esta denuncia se poida poñer solución a problemas que as familias levan moitos anos sufrindo porque o Concello de Poio é incapaz de exercer as súas competencias".

Coa denuncia ante a Valedora, os populares agardan que esta "interceda" ante o Goberno local tendo en conta "as avarías constantes e a mala calidade do servizo de auga que se presta aos veciños". Para formular a queixa, Moldes explicou que o grupo municipal do PP adxuntou as actas "que demostran a negativa" do Goberno local a "abordar a problemática" á hora de formular a denuncia. Agora, a oficina da Valedora do Pobo requerirá, segundo o procedemento, a decumentación relativa aos problemas coa auga ao Goberno local, ante as denuncias veciñais. 

Ademais, o voceiro popular engadiu que "o contrato da auga, que sería o posible instrumento para abordar a problemática co servizo, está caducado e na quinta e última prórroga legal".

A queixa ante a Valedora chega despois de que o grupo popular levara ao último Pleno da Corporación unha moción sobre a mesma problemática co servizo na zona de Arén (Samieira), que foi aprobada.

Comentarios