O PP pide "un plan para eliminar o feísmo" do casco histórico de Combarro

Os 'populares' levarán unha moción ao Pleno para criticar "algunhas actuacións municipais" que "non cumpren cos criterios estéticos"
undefined
photo_camera Tubaxes nun dos puntos sinalados polos 'populares'. PP POIO

O Partido Popular de Poio levará ao vindeiro Pleno da Corporación unha moción na que abordan varias actuacións en Combarro que, aseguraron os 'populares' contribúen ao "feísmo" dalgúns puntos do casco histórico. Neste sentido, o grupo municipal recopilou máis dunha decena de fotografías que amosan tubaxes e instalacións eléctricas que, aseguraron, desvirtúan o entorno.

Por este motivo, reclamarán ao Goberno local "un plan de actuacións para eliminar o feísmo de competencia municipal do conxunto histórico", e instan ao Concello a que "no sucesivo, as actuacións as actuacións que realice se fagan con respecto ao valor histórico-artístico da vila e de xeito integrado co patrimonio", nun momento no que se cumpre o 50º Aniversario da Declaración nacional de Conxunto Histórico Artístico.

O concelleiro popular e veciño de Combarro, Tucho Muíños, referiuse á necesidade de solucionar a situación de elementos como "cables colgando na fachada marítima que supoñen un problema de imaxe, pero tamén de seguridade; cadros de luces sen ningún tipo de integración na contorna e canalizacións que saen máis dun metro na superficie do mar por entre as pallozas. Non se pode trasladar esa sensación de deixadez nun lugar fundamental para o turismo, a economía e a imaxe noso pobo. É unha cuestión de seguridade pero tamén de imaxe", lamentou.

O 'popular' puxo como exemplo a proliferación de caixas de distribución de plástico para as instalacións de fibra óptica nos últimos meses, que "xeran un impacto visual, cando o lóxico sería apostar por disimulalas e esixir unha integración coa estética de Combarro".

O edil tamén tivo palabras de eloxio para os combarreses que "xeración tras xeración construiron para vivir un entorno humano único", e aludiu "á admiración de visitantes do resto de Galicia e de España, e de todo o mundo que foron convertindo a vila nun lugar icónico".

Comentarios