O PP de Poio advirte dunha sanción por verteduras na praia de Campelo

Augas de Galicia multou ao Concello con 500 euros por augas fecais
Peirao de Campelo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Peirao de Campelo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Partido Popular de Poio denunciou onte unha multa imposta ao Consistorio por parte de Augas de Galicia, por importe de 500 euros, a causa dunha vertedura de augas fecais na praia de Campelo, "despois de recibir outra sanción fai escasos meses por verquidos ilegais en Lourido".

"É este o modelo de turismo que quere o tripartito para Poio? Recibir sancións por verter augas fecais as praias do noso municipio? Será por iso que so solicitan unha bandeira azul para todo Poio?", cuestionou a edil popular Nati Torres.

Para Torres, "cando asinaron o seu pacto de Goberno presumían de que dous dos seus piares ían ser a transparencia e a participación, pero a realidade evidencia que é todo o contrario. Xa en xuño de 2021 recibiron sancións por non contestar aos requirimentos doutras administracións; en xaneiro de 2022 recibiron sancións por verter sen control á ría; e agora volven ser sancionados por augas fecais ás praias. Votaron en contra de retransmitir en directo os plenos para que os veciños poidan seguir e interesarse polos asuntos municipais; votaron en contra de que a oposición puidese acceder a un listado de rexistros de entrada e saída municipal; non contestan aos escritos dos veciños, colectivos, e ocultan informes de funcionarios municipais", denunciou a popular, quen tamén afeou que "presuman diante do sector do mar de que xa resolveron os vertidos mentres reciben sancións".

Comentarios