O PP de Poio afirma que o bipartito subirá a taxa da auga se gaña as municipais

Moldes asegura que as "carencias" fan necesario un novo contrato da auga

Ángel Moldes, durante una rueda de prensa. ADP
photo_camera Ángel Moldes, durante una rueda de prensa. ADP

O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, denunciou este martes que o novo ano chega para os veciños de Poio "cunha suba oculta do recibo da auga, que actualmente xa está entre os máis altos da provincia". Trátase dunha medida que "Luciano Sobral pretende aplicar inmediatamente en caso de que o BNG sexa capaz de seguir gobernando despois das eleccións municipais de maio".

Moldes recordou como desde principios de 2018 o alcalde de Poio asegurou que "xa tiña preparado o prego de condicións para un novo contrato da auga que substituiría ao actual, prorrogado, que é máis necesario que nunca", segundo o popular, despois de que un estudo do propio Concello, feito público recentemente polo PP, cifrase en máis de 2.000 veciños os que carecen de saneamento e en milleiros os poienses sen abastecemento de auga ou sen tratamento potabilizador, froito dunha rede con profundas deficiencias e "incapaz de atender a demanda", segundo o mesmo estudo, obra dos técnicos municipais.

Moldes lembrou que actualmente Poio presenta "unha situación intolerable e impropia do ano 2019, con milleiros de veciños que empezan o novo ano carecendo dalgúns dos servizos máis básicos que debe prestar un Concello, empezando pola falta de depuración de augas residuais en dúas parroquias e unha rede de saneamento sen separativas, entre outras múltiples carencias, e unha rede de subministro de auga que non chega a numerosos núcleos e, a onde chega, sofre cortes e avarías frecuentes e precisa actuacións, especialmente na rede de subministro secundaria, despois de anos de parches por parte do Goberno municipal".

"Todas esas carencias fan necesario un novo contrato", explicou Moldes, que recordou que o Concello xa o tiña redactado desde hai un ano, como explicou en prensa en numerosas ocasións, pero finalmente, no último Pleno de 2018, o BNG e o PSOE optaron por volver prorrogar o contrato actual.

Comentarios